Catro novos fogares galegos cada día con todos os membros no paro

Son 52.300, o que supón 1.400 máis que a finais de 2021.

Persoas agardando ás portas dunha oficina de emprego da Xunta da Galiza en Compostela (Riobó Prada)
photo_camera Galiza é a única comunidade do Estado que perderá emprego en 2023. (Foto: Riobó Prada)

O ano 2023 principiou con 52.300 fogares galegos nos que todos os seus membros activos están en situación de desemprego. Unha cifra que supón 1.400 fogares máis nesa situación dos que había cando arrancou 2022. Así pois, cada día catro novas familias pasaban a engrosar a lista de quen non ten ningún dos seus membros en idade activa traballando.

Unha mostra do impacto da crise, reflectida nos datos da EPA, Enquisa de Poboación Activa. De feito, o cuarto trimestre de 2022 rematou na Galiza con 1.104.500 persoas ocupadas -que tiñan un emprego remunerado ou exercían unha actividade independente e atopábanse traballando ou ben, mantendo un vínculo formal co seu emprego, atopábanse ausentes por vacacións, baixa ou outro motivo-, un total de 9.200 menos que no trimestre anterior (-0,83%), segundo a Enquisa de Poboación Activa do cuarto trimestre, dada a coñecer esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Os datos de ocupación son mellores en termos interanuais, marcando certa recuperación do emprego após a crise da pandemia. Os datos amosan que hai na Galiza 13.200 ocupados máis con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior (+1,2%)

O número de persoas activas -que están empregadas ou ben desenvolven unha busca activa de emprego-, tamén caeu no último trimestre, en 12.700, 1,02% menos que con respecto a setembro de 2022. Así, a taxa de actividade galega é de tan só 52,7%, fronte á de 58,5% no Estado. Ademais, esta taxa baixa tamén en relación ao terceiro trimestre, cando era de 53,3%.

O servizo de estudos do BBVA presentou unhas proxeccións económicas moi pesimistas para Galiza. Os datos recollidos, no seu último “observatorio rexional” elaborado en decembro deste ano, adiantan unha caída do emprego para 2023 de 0,7%.

Galiza é a única comunidade do Estado que perderá emprego en 2023. Segundo este relatorio, o emprego medrará de media no Estado para ese período en 1,1%, liderando a creación de postos de traballo Canarias cunha suba de 4%, Illes Balears con 2,9% e Madrid con 2,2%.

O peor comportamento do emprego no Estado rexistrarase na Galiza, cunha baixa de 0,7%. Acompañan ao país nos postos de cola, País Valenciá, onde a poboación ocupada medrará en 0,1%, Castela e León cunha suba de 0,4% e Andalucía cPersoas agardando ás portas dunha oficina de emprego da Xunta da Galiza en Compostelaun incremento de 0,5%.

Comentarios