O estaleiro Freire suspende actividade polo surto de Covid

A empresa viguesa informou da decisión ás empresas auxiliares e implementou tamén algunhas medidas máis para frear o aumento de contaxios.
Vista aérea do astaleiro vigués. (Foto: Freire)
photo_camera Vista aérea do astaleiro vigués. (Foto: Freire)

O surto como consecuencia da presenza de varios casos de persoas positivas por Covid-19 no estaleiro vigués Construcións Navais Paulino Freire obrigou esta quinta feira a suspender a actividade, unha decisión empresarial que tamén afectou á industria auxiliar.

A través dun comunicado, a compañía informou que esta medida porase en marcha desde esta sexta e até o vindeiro día 8 de decembro, sempre e cando o persoal que se incorpore ao traballo  teña realizada unha proba PCR con resultado negativo. 

Nas últimas horas houbo confirmación de algo máis de 40 casos positivos, aínda que algunhas fontes consultadas apuntaron que o número podería superar xa os 70.

Algunhas fontes consultadas apuntaron que o número podería superar xa os 70

Esa cifra, con todo, non é definitiva, porque, tal e como explicaron desde Freire, "para garantir unha volta ao traballo segura, volverase a facer outro cribado masivo" do persoal do estaleiro e do persoal das auxiliares, en coordinación cos servizos do Sergas. Porén, é posíbel que o número de positivos aumente. 

Medidas contra a cadea de contaxios

Por outro lado, a dirección do estaleiro quixo trasladar unha "mensaxe de calma" ás empresas que prestan servizo á compañía e informarlles das medidas que se puxeron en marcha nas instalacións "para evitar a cadea de contaxios".

Nas instalacións de Freire, ademais do cribado ao persoal, aumentarase a ventilación nas zonas de traballo, e faranse labores de limpeza e desinfección en zonas comúns.

Así mesmo, o departamento de Prevención, segundo explican, "vixiará activamente que se cumpran estritamente todas as medidas" do protocolo, como o uso de máscaras ou a distancia persoal e os espazos fechados estarán provistos de medidores de CO2.

Comentarios