O estaleiro vigués Barreras solicita o concurso de acredores

O persoal está en folga desde o 10 de xaneiro para exixir que non se consideren ofertas polo estaleiro que non inclúan a subrogación da totalidade do cadro.
Un dos accesos á factoría de Barreras (Foto: Pedro Davila/Europa Press).
photo_camera Un dos accesos á factoría de Barreras (Foto: Pedro Davila/Europa Press).

O estaleiro Fillos de J. Barreras presentou na mañá desta quinta feira a solicitude de declaración de concurso voluntario de acredores no Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo. Segundo confirmaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), na documentación presentada solicítase que, con carácter previo á fase de liquidación, se proceda á venda da unidade produtiva.

Deste modo, a compañía busca unha alternativa a través dun proceso concursal na modalidade de 'prepack', como pedía o comité de empresa, de forma que a unidade produtiva se poida vender de forma independente e rápida, desagregada do resto de activos, débedas, e da propia sociedade, para os que se optará pola liquidación.

Por todo iso, a maxistrada do órgano xudicial ten que decidir agora sobre a admisión a trámite do concurso e se se cumpren os requisitos para a súa declaración, sempre que a empresa presentase toda a documentación necesaria. Será "nos próximos días" cando a xuíza emita o auto.

Proceso de venda

O estaleiro vigués Barreras, en mans de Ritz Carlton, contratou á consultora Kroll hai meses para xestionar o proceso de venda, após o fracaso dos últimos proxectos, con contratos anulados, outros que non chegaron a formalizarse e cun iate-cruceiro de luxo que se está rematando en Santander.

No verán do pasado ano, aprobouse un ERTE para 124 operarios en vigor até xullo de 2022, e que só foi apoiado por UXT, con maioría no comité— e, de feito, do total do cadro, só unha decena de persoas está a traballar nas instalacións de Vigo, e outras 30 están a desenvolver labores para rematar o Evrima en Santander.

Após abrirse o proceso de venda, Kroll recibiu tres ofertas pola unidade produtiva —as instalacións e a concesión portuaria—, por parte de Armón, Gondán e Marina Meridional.

Tal e como confirmou o comité, "a única alternativa viable" é ir a un proceso concursal na modalidade de 'prepack'. Pola súa parte, o persoal de Barreras atópase desde o pasado día 10 en folga para reclamar a Kroll que non tome en consideración as ofertas que non inclúan a subrogación da totalidade do cadro, así como carga de traballo e un plan industrial que garanta manter a potencia construtiva de buques de gran porte.

Comentarios