O ERE no Santander-Popular pode acabar con 500 empregos na Coruña

CIG convoca para o 14 de novembro unha mobilización, ás  11:30 horas, no Cantón da Coruña para protestar contra estes dous Expedientes de Despedimento Colectivo.

banco santander CIG
photo_camera banco santander CIG

O vindeiro 16 de novembro iniciarase o período de consultas dos Expedientes de Despedimento Colectivo no Grupo Popular-Pastor e no Banco Santander. A día de hoxe, segundo informan as seccións sindicais da CIG de ambas as entidades, a dirección só facilitou datos xenéricos, sen que se saiba a cantas persoas afecta por banco e centro de traballo. Diante disto, a CIG convoca para o vindeiro martes, día 14 de novembro, unha mobilización para protestar contra estes dous Expedientes de Despedimento Colectivo.

“Polo momento, só se sabe que en total serán 1.585 despedimentos e que 575 persoas do Popular pasarán a subcontratas e que os centros galegos afectados do Popular serán o Cantón, Beiramar (Orillamar) e Santiago (Praza de Vigo). No caso do Santander, afecta aos centros de Durán Loriga e tamén do Cantón. Pero a Dirección non deu máis datos”.

Se a dirección decide finalmente centralizar en Madrid, “será a responsábel da destrución de 500 postos de traballo na Coruña, cando non hai ningún tipo de impedimento técnico para que os servizos centrais e as empresas auxiliares sen manteñan aquí. O centralismo destrúe emprego e non aceptaremos unha decisión política e económica que prexudica claramente a Galiza”.

As seccións sindicais do Popular-Pastor e do Santander manifestan o seu desacordo coa intención da empresa de aplicar dous Expedientes de Despedimento Colectivo: un para o Santander por causas organizativas e un para o Grupo Popular por causas económicas, nos que se poderían pactar condicións diferentes.

Comentarios