O sector eólico emprega só catro persoas nos vinte parques de Muras

Os datos de emprego do primeiro municipio da Galiza en potencia eólica instalada veñen confirmar os diversos estudos que demostran o escaso impacto na creación de emprego das enerxías renovábeis. Un informe editado polo Banco de España así o asevera.
Os beneficios da produción eléctrica non rematan no territorio que produce, senón nas empresas propietarias dos parques enerxéticos.(Foto: Europa Press)
photo_camera Parque eólico de Montouto, entre os concellos de Abadín e Muras. (Foto: Europa Press)

Muras é o primeiro produtor eólico da Galiza. O concello, localizado na serra do Xistral, conta con 20 parques eólicos e 381 aeroxeradores, cunha potencia instalada de 481 megawatts. O municipio, un dos pioneiros na xeración desta fonte de enerxía desde comezos da década dos anos 90, perdeu nos últimos 27 anos máis da metade da súa poboación, pasando de 1.319 habitantes en 1995 a 606 en 2022, 50,4% dos cales superan os 65 anos de idade.

A renda media anual das e dos habitantes de Muras sitúase en 11.614 euros. Neste sentido, é 4.249 euros ao ano inferior á media galega, 3.280 euros anuais inferior á media da circunscrición de Lugo e 2.011 euros ao ano inferior á da comarca da Terra Chá, área onde esta emprazado o municipio. Nesta dirección, os ingresos medios anuais da poboación de Muras atópanse á cola de toda a veciñanza da Terra Chá, marcando mellores cifras localidades como Castro de Rei, Begonte, Cospeito, A Pastoriza, Guitiriz, Vilalba, Xermade e Abadín.

O sector eólico emprega un total de catro persoas no concello de Muras. Tres dos seus veciños traballan para Iberdrola e un para Acciona, a compañía con máis potencia instalada na localidade. Neste sentido, os labores de mantemento dos parques eólicos en funcionamento desenvólvenos empresas subcontratadas que se ocupan da xestión de diversas instalacións en diferentes concellos, ocupando un número moi reducido de persoas.

A historia repítese nos municipios galegos con máis potencia eólica instalada. A este respecto, un informe publicado polo Banco de España, titulado Do renewables create local jobs?, sinala que os parques eólicos non crean emprego naqueles concellos onde se instalan. Nesta dirección, apunta que "non atopamos incrementos de emprego nos meses próximos á apertura de parques eólicos nos municipios onde se sitúan as instalacións".

O relatorio, obra da catedrática da Universidade Carlos III Natalia Fabra e dos investigadores do Banco de España Eduardo Gutiérrez, Aitor Lacuesta e Roberto Ramos, estuda o impacto das instalacións renovábeis sobre o emprego en 3.200 concellos e conclúe que as plantas eólicas "non crean emprego nos municipios onde se instalan". Engade que as instalacións solares "aumentan o emprego pero non das persoas residentes nos concellos" onde se localizan.

A profesora Natalia Fabra, nunha entrevista concedida á emisora radiofónica Capital Radio, en xuño de 2022, afirmaba que "o investimento en eólica non ten efectos positivos no emprego local" e consideraba que "os custos e beneficios da transición enerxética non están repartidos de maneira equitativa". Na mesma dirección, apuntaba a unha "diminución do emprego nos traballos de operación e mantemento dos parques eólicos de segunda xeración que se están instalando na actualidade", de maneira que prevé "25% menos de postos de traballo por megawatt en funcionamento".

O responsábel do sector eólico da CIG, Alberte Amado, é de mesma opinión. Advirte a Nós Diario dunha "perda de emprego nos traballos de mantemento dos parques eólicos como consecuencia da tecnoloxía das novas instalacións e da repotenciación doutras en funcionamento" e indica que "as repotenciacións reducen o número de aeroxeradores e a superficie ocupada pola instalación, polo que o número de traballadores necesarios en labores de mantemento vai ser menor".

A cifra exacta de persoas ocupadas en traballos de operación e mantemento do sector eólico segue a ser unha incógnita. A este respecto, a Asociación Eólica da Galiza sinala que "un megawatt de potencia xera 3,7 empregos durante a súa fase de construción e 0,2 empregos en actividades de operación e mantemento durante a súa explotación". A patronal eólica cifra para 2020, último ano con datos, en 3.482 persoas as ocupadas directamente no sector eólico, correspondéndose a porcentaxe máis importante das empregadas en obras de construción e montaxe dos novos parques.

773 ocupados na Galiza

Os traballos de operación e mantemento das instalacións eólicas ocupan, aproximadamente, 773 persoas na Galiza. Sendo a potencia eólica instalada no país, a 31 de decembro de 2021, de 3.866 megawatts e creándose, segundo a totalidade dos especialistas, perto de 0,2 empregos por megawatt en funcionamento, o número de traballadores en labores de operación e mantemento do sector eólico situaríase en arredor de 773 operarios.

Os traballos de mantemento

O responsábel do sector eólico da CIG, Alberte Amado, sinala a Nós Diario que "os labores de mantemento dos parques eólicos realízanos empresas que desenvolven a súa actividade por diferentes concellos da Galiza e do Estado" e advirte dunha "probábel caída do emprego".

Comentarios