As empresas de máis de 50 traballadores terán que elaborar plans de igualdade LGBT no prazo dun ano

As persoas do colectivo LGBTIQ+ teñen até 7% menos probabilidades de ter un emprego e os seus ingresos laborais son 4% inferiores, segundo un estudo.
#lgbt #lgbti #lgtb #homofobia (Foto: Nós Diario)
photo_camera Só unha de cada catro persoas LGBTIQ+ móstrase visíbel con todas as compañeiras e compañeiros de traballo. (Foto: Nós Diario)

As empresas de máis de 50 traballadores e traballadoras deberán dispor de plans de igualdade e protocolos contra o acoso e a violencia por LGBTIfobia nun prazo de 12 meses tras a entrada en vigor da nova 'Lei trans', lembrou esta sexta feira a Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans, Bisexuais, Intersexuais e máis (FELGTBI+). A implementación progresiva de indicadores de igualdade sensíbeis ao colectivo LGBTI+, a creación de códigos éticos e protocolos con medidas de protección fronte a toda discriminación ou a creación dun distintivo para recoñecer ás empresas que destaquen en políticas de igualdade son outras das medidas que recolle a norma, recentemente aprobada.

Para o coordinador do Grupo de Laboral da Federación, David Senabre, estas propostas son "imprescindíbeis" para erradicar a discriminación contra as persoas LGTBI+ no ámbito do traballo de forma efectiva, porque "non é suficiente combater as agresións que se detecten, senón que hai que traballar para que os espazos de traballo sexan contornas seguras coa certeza de que a orientación sexual ou a identidade de xénero non vai supor un obstáculo na carreira profesional, nin nas relacións humanas, dentro da empresa".

Neste senso, fixo alusión aos datos que achega a Axencia dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea, incidindo en que "só unha de cada catro persoas LGBTI+ móstrase visíbel con todas as persoas coas que traballa, 30% non é visíbel con ninguén da empresa e só 29% faino cunhas poucas persoas seleccionadas".

Aliás, salientou, con base nun estudo da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), que as persoas LGBTI+ teñen até 7% menos de probabilidades de ter un emprego, os seus ingresos laborais son 4% máis baixos e teñen 11% menos probabilidades de ocupar un posto directivo alto.

Ter que ocultar a nosa identidade de xénero, a nosa parella ou a nosa familia a persoas coas que convives día tras día pasa factura irremediabelmente
David Senabre

"As persoas LGBTI+, como o resto da poboación, pasamos máis dun terzo da nosa vida no traballo, e ter que ocultar a nosa identidade de xénero, a nosa parella ou a nosa familia durante todo ese tempo con persoas coas que convives día tras día, pasa factura irremediabelmente tanto a nivel laboral como psicoemocional", precisou.

Pola súa parte, a vogal de Empresas da Federación, Niurka Gibaja, puxo o foco en que as persoas trans son un colectivo en situación de "especial vulnerabilidade", debido a que catro de cada dez persoas trans sufriron discriminación á hora de buscar emprego, "case oito de cada dez no caso das mulleres trans".

Tamén valorou de maneira positiva que o Ministerio de Traballo vaia deseñar medidas de acción positiva para a mellora da empregabilidade das persoas trans e plans específicos para o fomento do emprego, con especial atención ás mulleres trans. Gibaja engadiu que a lei tamén prevé medidas para a integración sociolaboral das persoas trans como a creación de estratexias e campañas de concienciación no eido laboral ou a elaboración de plans de igualdade e non discriminación nos que se incluirá expresamente ás persoas trans, tamén con especial atención ás mulleres trans.

Comentarios