martes 11/08/20

Empregos a tempo parcial, a outra cara da precariedade

Para unha de cada dez persoas ocupadas no país, a súa xornada laboral é demasiado curta para vivir. Galegos e galegas que desexan traballar máis horas cada semana, sexa no seu actual emprego ou noutro diferente. A contratación a tempo parcial representa, xunto á temporalidade, a outra cara visíbel do precario mercado laboral. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 290 ao respecto.

 

Empregos a tempo parcial, a outra cara da precariedade

3Traballan pero non poden facelo as horas necesarias para acadar un salario suficiente, mesmo tendo unha situación laboral estábel. Son máis de cen mil persoas no país con contratos a tempo parcial que, malia teren emprego, ven diminuídos os seus ingresos por este tipo de xornada forzosa. Quendas reducidas que, durante estes anos, foron converténdose nunha realidade cada vez máis cotiá, como única alternativa para moitas familias galegas obteren ingresos.

Así o constata o recente informe Mercado de Traballo 2017, realizado pola CIG, a partir dos dados da Enquisa de Poboación Activa (EPA). No último lustro, após a segunda reforma laboral, o número de traballadoras e traballadores con xornada parcial medrou “practicamente o duplo que as persoas contratadas a xornada completa”.

Se nos remontamos algo máis atrás, a respecto de 2009, no país destruíronse 104.700 empregos a xornada completa, situados hoxe na porcentaxe máis baixa desde o comezo da crise do capital financeiro. Mentres, no mesmo período, aumentaron en 26.300 aqueles con xornadas parciais, o que dá conta da magnitude do problema.

Representan xa un 15% do total de persoas asalariadas na Galiza, unha de cada dez ocupadas. A práctica totalidade destas traballadoras e traballadores son considerados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) como subempregados, é dicir, que aceptan esa xornada de forma involuntaria porque non teñen mellor opción. Na última década, o número de galegas e galegos nesta situación involuntaria medrou até un 23%.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 290 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

comentarios