Empregadas do fogar reclaman maior cobertura para os efectos do coronavirus

Unha vintena de asociacións vinculadas ao traballo no fogar, os coidados e as migracións de distintos puntos do territorio estatal, entre as que se conta a asociación galega de empregadas do fogar Xiara, asinan un comunicado para reclamar ao Goberno central que reforce as medidas adoptadas para garantir a protección de todas as traballadoras deste sector ante os efectos laborais da crise polo coronavirus. 
EuropaPress_2728597_limpiadora traballadoras do fogar
photo_camera Os colectivos profesionais salientan que o novo subsidio para traballadoras do fogar é un "Logo social" (Europa Press)

Após a aprobación, esta semana, dun subsidio extraordinario para as empregadas do fogar, dentro das medidas adoptadas polo estado de alarma, as entidades asinantes saúdan a medida como "un logro da sociedade civil organizada, pola defensa duns dereitos que non está en corentena", mais consideran "insuficiente" a súa cobertura.

"As traballadoras de fogar e coidados estamos a cubrir unha parte moi importante das necesidades desatendidas e estamos especialmente expostas a situacións de vulnerabilidade polo lastre dos dereitos non recoñecidos", advirten as asinantes, que lembran que son moitas as familias que acoden á contratación en emprego de fogar para cubrir "eses coidados non atendidos con recursos públicos", mermados por anos de recortes.

Nese contexto, as profesionais advirten do alto número de traballadoras que neste ámbito exercen sen contrato, que calculan nun terxo do total, "unhas 200.000, máis vulnerábeis e en situacións máis precarias", ben por traballar en distintos domicilios ou por atoparse en situación irregular, "na clandestinidade e sen dereitos". 

Como sinalan ademais, o subsidio cubrirá 70% da base reguladora. "Tendo en conta que, neste sector cotízase por tramos, que moitas veces quedan por baixo dos  salarios reais; que non se actualizan as cotas e que, para abaratar custos na cotización da seguridade social, é práctica común, por parte das persoas empregadoras, declarar salarios e xornadas inferiores ás efectivamente realizadas, en demasiadas ocasións este 70% quedará moi por baixo do que correspondería se a Seguridade social tivera atallado antes esta fraude reiterada", fan notar. 

"Valoramos positivamente que se recoñeza por primeira vez un subsidio deste tipo, tanto para as traballadoras despedidas como para aquelas a as que se lles suspendeu o contrato pola situación sanitaria", destacan no seu comunicado, no que indican que as primeiras medidas estabelecidas polo estado de alarma evidenciaban "a reiterada discriminación en equiparación de dereitos". Para elas, este subsidio emenda a ”inexplicábel inxustiza” que supoñía deixar fóra as traballadoras de fogar e coidados das medidas extraordinarias de protección social pola crise sanitaria fronte ao coronavirus".

Agora, esperan que este sexa un "paso decisivo para o recoñecemento definitivo do dereito á prestación por desemprego do único sector laboral que permanece excluído, para a incorporación plena no réxime xeral da Seguridade Social".

Comentarios