Eis a proposta dun grupo de sindicalistas ao Concello de Vigo para conmemorar as folgas de 1972

Rolda do prensa dos sindicalistas que piden unha homenaxe para as participantes na folga de 1972. (Foto: Europa Press)
Este ano cúmprese o 50 aniversario das concentracións que houbo por todo o país.

Un grupo de sindicalistas históricos da cidade de Vigo fixo pública esta segunda feira a súa petición para que o Concello dedique un "espazo público" na cidade a lembrar as folgas de 1972, así como os homes e mulleres que, a pesar da dura represión do franquismo, loitaron por conseguir melloras laborais e democráticas.

Trátanse de antigos traballadores e traballadoras de empresas como Citroën (agora Stellantis), El Corte Inglés, Grupo de Empresas Álvarez ou Vulcano (agora Estaleiros San Enrique).

Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, os sindicalistas subliñaron a transcendencia desas semanas de mobilización en setembro de 1972, con protestas duramente reprimidas polas forzas e corpos policiais e pola administración estatal.

Ademais da represión que se viviu nas rúas de Vigo, a loita sindicalista acabou co despedimento de medio centenar de traballadores e traballadoras, e con represalias a líderes sindicais, algúns dos cales tiveron que "pasar á clandestinidade".

Lembranza e recoñecemento

A xuízo deste grupo de sindicalistas, as protestas daqueles días de 1972, que supuxeron a continuación das mobilizacións iniciadas en Ferrol en marzo dese mesmo ano, “deben ser lembradas e recoñecidas”.

Segundo trasladaron na rolda de prensa, esa homenaxe é especialmente importante este ano, xa que se cumpre o 50 aniversario desa "loita" obreira, que paralizou a planta de Citroën, os estaleiros e outras empresas da cidade.

Aseguran que "é necesario e de xustiza" lembrar esa folga "que foi exemplo para outras cidades do país", e manifestaron que o compromiso do alcalde de Vigo, Abel Caballero, de aprobar unha declaración institucional, "non é suficiente". A promesa foi acadada nunha reunión mantida a semana pasada entre os sindicalistas e o rexedor da cidade olívica.

Neste sentido, piden que a cidade dedique "un espazo público" que "sirva de recoñecemento" ao ocorrido en 1972 "e como recordo para as futuras xeracións" da súa contribución "á conquista de liberdades e da democracia".