Este é o avance do documental 'Galicia, 10 de marzo', dirixido polo cineasta Roi Cagiao

A peza audiovisual estrearase o vindeiro mes de outubro.
photo_camera Avance de 'Galicia, 10 de marzo'.

Este 10 de marzo saíu á luz o avance do documental que leva por nome, precisamente, 'Galicia, 10 de marzo'. A sinalada data, o Día da Clase Obreira Galega, serve para lembrar o asasinato de dous traballadores galegos, Amador Rey e Daniel Niebla, a mans da policía na cidade de Ferrol.

No documental, o director, Roi Cagiao, pretende transmitir o nacemento dunhas protestas nas cales, en palabras dun dos protagonistas "a clase traballadora ergueuse en busca da súa liberación".

Esta peza audiovisual dá voz a moitos e moitas das protagonistas daquelas loitas obreiras, como Rafael Pillado, Fina Varela, Ánxela Loureiro ou Fernando Miramontes, falecido o pasado ano.

Nunha entrevista concedida a Nós Diario, o director do documental apuntaba: "Entendo que as dramatizacións son unha cousa moi complicada, que moitas veces se emprega mal, hai que ter moito coidado de como se usan. Moitas veces o que fan é repetir o que che está a dicir a persoa narradora, en lugar de procurar que lle dea un contrapunto. Por outra banda, hai que ter coidado de que non dea pé a confusión no espectador co que é a imaxe de arquivo. É delicado".

Cagiao, que xa dirixira a peza documental 'Vigo 1972' sobre as loitas obreiras daquel ano, engadía: "Meu pai foi traballador de Citroën no 72. É curioso como un se dá conta das cousas cando pasa o tempo. El viña do rural é a súa universidade foi a fábrica, onde se formou ideoloxicamente".

As pantallas dos cinemas reflectirán como se viviu a elección do comité de empresa, así como a negociación do convenio nos estaleiros ou a repercusión internacional das mobilizacións obreiras que se deron na cidade ferrolá. A estrea terá lugar no vindeiro mes de outubro.

Comentarios