Acto de homenaxe e lembranza en Ferrol a ‘Gallego Soto’ e a Patagonia Rebelde

A CIG organiza un acto de conmemoración daquela revolta con representantes de sindicatos arxentinos e chilenos.

 

gallego soto
photo_camera Antonio Soto

A CIG vai realizar esta quinta feira, 7 de outubro, un acto de conmemoración do centenario das loitas obreiras da Patagonia Rebelde e unha lembranza do que foi o seu líder, Antonio Soto, coñecido na Arxentina como "Gallego Soto".

Ás 17:00 horas farase unha ofrenda floral na casa natal de Soto (situada na rúa Pardo Baixo, nº18) e ás 18:00 horas haberá unha conferencia-coloquio no Teatro Jofre de Ferrol.

Neste acto intervirán o secretario xeral da CIG, Paulo Carril; o responsábel de Relacións Internacionais da CIG, Xosé Lois Rivera Jácome; Eduardo Estévez en representación da CTA-A de Arxentina; e Bárbara Figueroa, en representación da CUT-Chile.

Antonio Soto Canalejo (nado en Ferrol en 1987) foi o secretario xeral da Sociedade Obreira de Río Gallegos, sindicato que en 1920 convocou a folga xeral que daría inicio á loita obreira coñecida como Patagonia rebelde, que tivo o seu punto álxido no segundo semestre de 1921 cando os obreiros rurais en folga tomaron numerosas estancias en reposta ao incumprimento por parte da patronal do acordo laboral asinado meses antes.

Gallego Soto tivo que fuxir a Chile para escapar da durísima represión que o goberno arxentino levou a cabo contra os obreiros e folguistas, calculándose que foron fusilados ou asasinados uns 1500 traballadores durante todo o conflito.

Este acto enmárcase nos actos organizados pola CIG arredor do VIII Congreso Confederal que terá lugar este sábado, día 9 de outubro, en Santiago de Compostela.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios