As dependentas de Inditex manteñen a folga do día 23 e denuncian "as burlas" da empresa

Para anunciar a folga, as dependentas das tendas de Inditex organizaron esta segunda feira unha 'xornada reivindicativa' na Coruña na cal denunciaron a situación laboral en que se encontran.
Acción reivindicativa das dependentas de Inditex a pasada segunda feira na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Acción reivindicativa das dependentas de Inditex esta segunda feira na Coruña (Foto: Nós Diario).

A folga de traballadoras das tendas de Inditex na Coruña convocada para esta sexta feira día 23 de decembro "segue adiante" ante o feito de que non se produciu "ningunha novidade" coa empresa, á que acusan de actuar con actitude "burlesca" neste conflito, en palabras da portavoz da Confederación Intersindical Galega (CIG) Carmiña Naveira.

A sindicalista critica que non haxa "ningunha resposta por parte da empresa", pero engade que si lles constan movementos "para o resto dos traballadores".

"Ademais, esta semana díxose aos traballadores de loxística, central e fábricas que fixesen unha carta aos Reis Magos dicindo que agasallos querían as súas crianzas para agasallárllelos e a nós nada", denunciou Naveira.

A representación sindical das dependentas interpreta isto "como unha ofensa" contra as traballadoras das tendas.

"Estamos a pedir unha subida de salario que tampouco é unha barbaridade, simplemente estamos a pedir un salario digno", subliña.

Por iso, "que veñan con esta burla é indignante”, conclúe Naveira, quen precisou que o paro convocado para o día 23 segue adiante.

Xornada reivindicativa na Coruña

Para anunciar a folga, as dependentas das tendas de Inditex organizaron esta segunda feira unha 'xornada reivindicativa' na Coruña na cal denunciaron a situación laboral en que se encontran.

Na acción participaron traballadoras das tendas da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol que, coa súa presenza nunha zona tan comercial e concorrida como o entorno da Praza de Lugo, buscaban "visibilizar a súa dupla realidade: mentres xeran beneficios para Inditex co seu traballo mal pagado nas tendas, teñen que estar na rúa para reclamar uns soldos que lles permitan chegar a fin de mes", manifestaron desde a CIG.

Para completar a acción, as traballadoras montaron a súa propia exposición fotográfica, a modo das patrocinadas por Marta Ortega, con imaxes do seu traballo cotián e imaxes da loita que están a desenvolver para reclamar un salario digno.

Comentarios