Traballadoras de Bershka denuncian que Inditex non lles recoñece o dereito a conciliar

Ao longo deste mes de decembro, traballadoras de tendas Bershka, da compañía Inditex, veñen denunciando os problemas con que se encontran para veren recoñecido o seu dereito á conciliación.
Concentración das traballadoras de Bershka diante dos xulgados en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Concentración das traballadoras de Bershka diante dos xulgados en Compostela (Foto: Nós Diario).

Ao longo deste mes de decembro, traballadoras de tendas Bershka, da compañía Inditex, veñen denunciando os problemas con que se encontran para veren recoñecido o seu dereito á conciliación.

Precisamente, a pasada segunda feira, día 5 de decembro, traballadoras de Bershka concentrábanse diante dos xulgados de Compostela para reclamaren este dereito. Unha concentración que coincidía co decorrer dun xuízo pola negativa de Inditex a recoñecerlle e facilitarlle a unha traballadora a concreción de xornada.

Segundo explica Carmiña Naveiro, presidenta do comité provincial de Zara e representante da federación de servizos da Confederación Intersindical Galega (CIG-Servizos), "desde que entrou Marta Ortega endurecéronse os departamentos de Recursos Humanos. Sempre tivemos que ir ao xulgado para reclamar a redución de xornada pero había unha diferenza, cando a traballadora xustificaba a necesidade, a empresa cedía, agora non".

Naveiro sinala ademais que “os propios departamentos de Recursos Humanos son os que te convidan a recorrer ao xulgado, co cal xa non prestan nin atención á documentación que podes achegar”.

Deste modo, a traballadora cuxa demanda se xulgaba e da que están á espera de sentenza, tratou de xustificar a súa solicitude alegando que a súa parella traballaba todo o día, pero nin así lle deron un horario pactado satisfactorio para ambas as partes.

A isto súmase que é unha traballadora “volante” que cobre por varias tendas as necesidades de persoal. “Pode estar pola mañá en Ferrol e pola tarde na Coruña, e a empresa dille que ao ser volante non poden darlle o horario de mañá”, apunta a representante da CIG.

Penalización económica

Naveiro explica que o único que lle ofreceu a empresa foi "reducir aínda máis o tempo de traballo, perdendo a traballadora máis salario, alegando que nas tendas de Santiago non hai ningún oco, canto todas sabemos que na cadea Bershka existe unha gran carga de traballo".

Desta maneira, no xuízo a empresa presentou unha nova oferta ofrecendo como lugar de traballo a tenda de Bershka na praza de Lugo, na Coruña, ou que se reducira moito máis a súa xornada, ou sexa, “sempre á custa da traballadora”.

Comentarios