Folga do metal: a CIG denuncia agresións a dous sindicalistas por parte de "elementos da patronal"

Dúas persoas que participaban nun piquete en Compostela foron agredidas con barras de ferro cando intentaban explicar os motivos da folga
Un dos manifestantes agredidos hoxe en Compostela nunha nova xornada de folga do metal coruñés (Foto: Nós Diario).
photo_camera Un dos manifestantes agredidos hoxe en Compostela nunha nova xornada de folga do metal coruñés (Foto: Nós Diario).

A terceira xornada de folga do metal coruñés neste mes de xuño ─a sétima desde que comezaron as mobilizacións para exixir un convenio digno no sector─ estivo marcada polos acontecementos da véspera, na que varios traballadores que participaban nun piquete foron agredidos con barras de ferro. 

Así o denuncia a CIG nun comunicado no que acusa dun "matonismo que lembra tempos pasados" a patronal polo nivel de violencia e agresión para limitar os dereitos dos traballadores e das traballadoras.

"O éxito ─de participación na folga─ é de tal calibre que a patronal está a recorrer á violencia para impedir a participación das e dos traballadores do sector", abunda a CIG.

A agresión, segundo relatan, decorreu en Compostela, onde membros do piquete, nomeadamente Renato Núñez, membro da Executiva Confederal da CIG, e Antonio Cebei, da CIG-Industria, foron agredidos con barras de ferro, ao intentar entrar a falar cos traballadores para explicarlles as razóns polas que está convocada. 

 

Ante estes feitos, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advertiu de que, de igual maneira que non van quedar sen resposta as represións que están exercendo as empresas co seu persoal, tamén actuará en consecuencia diante desta "intolerábel agresión", que se suma ao que ocorreu no Grupo Malasa, en Cerceda, onde houbo case atropelos por parte dos donos da empresa a traballadores que formaban o piquete.

O secretario xeral asegura que a patronal "ten elementos que exercen violencia non só reprimindo, despedindo e ameazando a quen vai á folga senón mesmo organizando a matóns para impedir o exercicio deste dereito", actitudes que entende que demostran que "quen exerce a violencia é a patronal e a xente que ten a soldo". "Estamos ante uns feitos que non son propios dunha patronal, senón de gánsters", concluíu.

Comentarios