A CIG emitiu esta segunda feira 21 de decembro un comunicado no que anuncia que vai pór en marcha "todas as accións sindicais e xudiciais que sexan necesarias para exixir responsabilidades" pola "intolerábel agresión" ao presidente do comité de Xeal e delegado da central, Alfonso Mouzo.
"O ataque fascista que sufriu o pasado sábado non pode quedar sen a súa correspondente resposta, menos aínda cando na agresión participaron persoas que teñen cargos de responsabilidade na empresa", apunta o sindicato.
A central sindical entende que este tipo de sucesos non caben "nun estado democrático de dereito", pois atendan "contra a dignidade e contra os dereitos fundamentais como o de liberdade sindical".
A CIG tamén esixe a compañía condenar estes feitos, que cualifica de "linchamento" con connotacións sindicais, e "que actúe en consecuencia" para que non se repitan.
No entanto, a empresa asegura di non ter coñecemento de ningún incidente.
Supostas ameazas á familia
Aínda que así fóra asegura que non lle corresponde "responsabilizarse nin pedir responsabilidades por ningún feito destas características acaecido á marxe do entorno laboral, na esfera privada".
Desde o punto de vista do secretario xeral da organización, Paulo Carril, o ataque a Mouzo "non se pode entender fóra do conflito" laboral que existe neste momento entre o cadro de persoal e a firma pola "defensa do convenio colectivo e os dereitos laborais que a empresa quere suprimir".
Carril mesmo aludiu a que o grupo de persoas que "saíron" detrás do presidente do comité "coa única intención de agredilo", acudiron ao día despois á súa casa para "ameazar a familia".