O persoal de Xeal volve ás rúas para evitar que a empresa deixe sen efecto o convenio

Os traballadores das antigas plantas de Ferroatlántica exixen tamén a posta en marcha dos fornos parados.
Protesta da pasada sexta feira dos traballadores e traballadoras de Xeal ás portas da fábrica de Brens, no concello de Cee (Foto: Nós Diario).
photo_camera Protesta da pasada sexta feira dos traballadores e traballadoras de Xeal ás portas da fábrica de Brens, no concello de Cee (Foto: Nós Diario).

O comité de Xeal, firma que agrupa as antigas fábricas de Ferroatlántica de Cee, Dumbría e centrais hidroeléctricas dos ríos Xallas e Grande, acordou retomar esta cuarta feira ─ás 17.15 horas diante da fábrica de Brens (Cee)─ o calendario de mobilizacións semanais en resposta ás pretensións da dirección de deixar decaer o actual convenio de empresa e pasar a aplicar o convenio do metal da Coruña, de condicións salariais, laborais e sociais inferiores. 

Segundo denuncian, a empresa está a dilatar indefinidamente as negociacións até provocar a caída do convenio, valéndose de que o actual texto non recolle a ultraactividade. Xeal bota así man dun dos aspectos máis lesivos da reforma laboral de 2012, que limitou a vixencia dos convenios, unha vez caducados, a tan só un ano para recortar dereitos económicos, laborais e sociais do persoal. 

Diante desta nova "agresión" da empresa ao dereito á negociación colectiva, o comité prevé solicitar unha mediación para tentar desbloquear a situación e poder negociar un convenio propio que salvagarde os dereitos do conxunto do persoal.

Arranque dos fornos 

A mobilización desta quinta feira, 9 de novembro, tamén servirá para reclamar a dirección un calendario para o rearranque dos fornos parados,  que contemple datas concretas e previsións de produción de cara ao vindeiro ano. "É de todo ilóxico e irresponsábel continuar recortando a actividade produtiva das nosas fábricas cando está medrando a demanda de ferroaliaxes no mercado internacional e cando a propia Ferroglobe (provedor e cliente único das plantas) pediu que se puxeran en marcha", afirman.

Comentarios