xoves 04/03/21
Novas incidencias nas vías de tren da Galiza

Cortes na liña Vigo-Ponferrada e na vía estreita ao seu paso polo concello de Ortigueira

Este sábado, a liña ferroviaria viviu un novo corte de vía por mor da caída dunha árbore sobre a catenaria, no tramo seguinte á estación de Sela, segundo informaba o sindicato CXT (Confederación Xeral do Traballo).
c0504143-41fa-40d1-a367-3e41fa6f4615
Imaxe do corte na vía do Miño por mor da caída dun eucalipto sobre a catenaria. (Foto: Nós Diario)

O sindicato CXT (Confederación Xeral do Traballo) informaba no serán do sábado de que o tren 12608, que une Vigo con Ponferrada e tiña un transbordo previsto en Arbo, se viu na obriga de retroceder cara á estación das Neves por mor do corte da vía ao caer sobre a catenaria unha árbore, logo da estación de Sela.

Os viaxeiros do tren tiveron que agardar na citada estación a que un autobús os achegase cara a Ourense.

O sindicato tamén denuncia que na mesma xornada, o tren de vía estreita 71811 quedou detido entre as localidades de Espasante e Loiba e tivo que retroceder cara a Ortigueira.

A CXT vén denunciando desde hai tempo a falla de investimentos e de recursos humanos no mantemento do ferrocarril convencional na Galiza, o que provoca que en condicións meteorolóxicas adversas, a infraestrutura sufra incidencias continuas, como as aconteceron na xornada do sábado.

Así, desde a confederación sindical lembraban que o persoal traballador de Adif (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias) “temos convocadas folgas a partir do 26 de

febreiro para protestar pola falla de recursos nas bases de mantemento da infraestrutura de Adif”.

Nós Diario recollía esta mesma semana a denuncia dos sindicatos ferroviarios fronte a Adif porque “cada ano polas xubilacións non repoñen o persoal nin ofertan estas prazas nas mobilidades internas, provocando cada vez máis cargas de traballo para as empregadas e empregados", ademais dunha "deslocalización destes colectivos".

A falla de persoal de Adif ten unha repercusión especial na Galiza, segundo Juan Sánchez, da CXT. "A nosa estrutura ferroviaria precisa duns estándares de mantemento moito máis importantes, con máis horas que noutros territorios", indica, "temos vías moi vellas como a liña do Miño, a do interior de todo Lugo e a falta de cadro de persoal nos equipos de mantemento da infraestrutura ferroviaria é grave".

As incidencias son continuas e os atrasos, que continuaron co comezo de ano, tamén, comentaba Sánchez o pasado 9 de febreiro en conversa con Nós Diario.

comentarios