O Congreso aproba unha iniciativa en defensa do emprego nas Pontes

O BNG exixe unha transición xusta para toda a comarca.
Rego durante unha sesión plenaria. (Foto: E. Parra / Pool / Europa Press)
photo_camera Rego durante unha sesión plenaria. (Foto: E. Parra / Pool / Europa Press)

O Bloque Nacionalista Galego logrou o apoio do Congreso dos Deputados a unha iniciativa na defensa dos postos de traballo das empresas principal e auxiliares de Endesa nas Pontes, unha proposición non de lei na que tamén se inclúe o compromiso de garantir o desenvolvemento de novos proxectos industriais para a comarca de Ferrolterra enmarcados no proceso de transición xusta.

O deputado nacionalista Néstor Rego incidiu na necesidade de que a transición na Galiza "se faga con xustiza social, garantindo a continuidade da industria e do emprego nas comarcas directamente afectadas".

En virtude do texto aprobado, o Congreso das Deputadas insta o Goberno español, en coordinación coa Xunta da Galiza, a condicionar o proceso de fechamento da central a que se chegue a un acordo coa representación das e dos traballadores que garanta a continuidade do emprego e proxectos concretos de futuro.

Tamén propón que a concesión de acceso aos nodos de rede afectados polos feches das térmicas galegas sirvan para incentivar a implantación de proxectos e blindar o emprego nestas zonas. Neste senso, pide garantir o desenvolvemento de novos proxectos industriais que emanen dos convenios de transición xusta e dos plans  Futur-E de Endesa.

Outro dos puntos defende a procura dunha solución de continuidade industrial á central das Pontes, de maneira que se garanta o mantemento dos postos de  traballo non só da central senón tamén os da industria auxiliar e dos transportistas que movían o carbón desde o porto de Ferrol até as instalacións da central.

Xunto con estas peticións, entre outras, tamén figura a de instar o Goberno estatal a convocar urxentemente a Mesa de Traballo para a Transición Enerxética Xusta para As Pontes, así como a constitución dunha mesa específica para tratar a problemática do persoal da industria auxiliar de Endesa co obxecto de concretar o número persoas afectadas e a súa garantía de emprego.

Por último, demanda a implicación e colaboración do Goberno español e da Xunta da Galiza para apoiar conxuntamente os proxectos industriais e de reindustrialización a implantar nas Pontes de cara a optar aos Fondos da Next Generation da Unión Europea.

Comentarios