Condutores do bus de Ferrol denuncian que conducen 8 horas sen descanso

O comité denuncia que non teñen pausa nas quendas.
Sen titulo
photo_camera Un bus urbano circulando por Ferrol (Foto: Alsa)

Os condutores do transporte urbano de Ferrol están a conducir sen poder facer descansos durante as oito horas das súas quendas. O responsábel de Transporte no sindicato CIG, Xesús Pastoriza, denunciou que as obras que se están realizando en Ferrol impiden que os condutores do transporte urbano realicen "ningún descanso" e que desta maneira están "a conducir oito horas continuamente, sen ningún tipo de descanso", o que lle valeu para trasladar que esta situación "é absolutamente insoportábel todos os días".

Ademais, o sindicalista criticou que Alsa comete "unha serie de incumprimentos de convenio". Nunha rolda de prensa en Ferrol, detallou que "hai un grupo de persoas, que vén subrogada de Tranvías de Ferrol, que teñen un convenio de empresa e outra parte do persoal está polo convenio provincial". Segundo Pastoriza, "existe unha sentenza que di que teñen que pór a todo o persoal no convenio provincial, mais non o fan". Por iso, está "a metade do persoal de Alsa de Ferrol con salarios do ano 2020" e van facer "catro anos sen ningunha suba salarial". Non podes estar a traballar oito horas, todos os días continuamente sen descansar nada e por riba levar case catro anos sen subida salarial e outras cuestións de convenio como son as dietas", censurou.

É por iso que, segundo detallou, o comité de empresa convocou unha asemblea de traballadores e "tomou a decisión de facer unha denuncia pública do que está a pasar", mais sen descartar que, se isto non dá ningún resultado, "haxa algún tipo de mobilización". Ademais, dous dos integrantes do comité de empresa de Alsa denunciaron que están "cos mesmos horarios desde o ano 1996".

Manifestación en Vigo

Os sindicatos CIG, CCOO, UXT e USO fixeron onte un chamamento á cidadanía de Vigo e a súa área para manifestarse o sábado en demanda dun transporte público de calidade, no marco dunha folga indefinida do cadro da concesionaria do servizo (Vitrasa), e afearon o "abandono de responsabilidades" tanto da empresa como do Goberno municipal ante un conflito que se alarga desde hai 3 anos e que se agravou nos últimos 90 días cunha folga indefinida. A manifestación sairá ás 18:30 horas da Praza de España.

Comentarios