A empresa fala de “risco”

O comité de Alcoa de San Cibrao obtén o apoio de dez alcaldías da Mariña

A xuntanza do comité de empresa de Alcoa de San Cibrao (Cervo) e a dirección da compañía non aclarou gran cousa aos traballadores. “Manteñen o mesmo”, sinalou o comité, quen tamén se reuniu con alcaldes da Mariña e obtiveron o seu apoio.
 

Alcoa en San Cibrao  [Imaxe: Cedida]
photo_camera Factoría de Alcoa en San Cibrao. Foto: cedida.

“[A cúpula da empresa] mantén o mesmo. Non poñen enriba da mesa o peche, de momento, pero case”, explicou o presidente do comité de emprensa, Xosé Paleo, segundo Europa Press, “fala de risco”. Á reunión tamén asistiu, por videoconferencia, o presidente de Alcoa no Estado e o responsábel de enerxía.

Paleo considera positivos os pasos que está a dar o Goberno central mais, ao seu ver, non son abondo. O Real Decreto e o estatuto de electrointensividade son os dous principais movementos do Executivo de Sánchez. Cada sindicato do comité de empresa -que se verá con partidos políticos- presentará alegacións a este último.

Mais as mobilizacións dos traballadores e traballadoras van máis alá da factoría. O comité visitou dez alcaldes da bisbarra e obtivo apoio para as súas revindicacións. Así, os rexedores e rexedoras de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Ribadeo, O Valadouro, Viveiro e Xove súmanse aos empregados da fábrica de aluminio.

Segundo a súa representación, os primeiros edís da Mariña están preocupados pola situación e, en vista do que acontece na Coruña e Avilés, toman en serio as advertencias das traballadoras e traballadores.

O comité de empresa estuda as próximas accións mobilizadoras a adoptar.

Comentarios