luns 01/03/21

O colectivo de feirantes di sentirse "discriminado e desamparado" pola crise da Covid

Unha caravana formada por unhas 250 furgonetas de feirantes de toda Galiza colapsou varias rúas de Santiago esta sexta feira para reclamar medidas de apoio ao sector ante a crise da Covid e as limitacións para o desempeño do seu traballo. 

EuropaPress_3559850_protesta_feriantes_santiago
Protesta dos feirantes en Compostela (Imaxe: Europa Press).

En concreto, as persoas que se trasladaron a Compostela pedíronlles aos alcaldes a exención do pago de taxas municipais durante o ano 2021. Non houbo reivindicacións para o Goberno galego.

Convocados pola plataforma galega de comercio ambulante, os participantes nesta protesta déronse cita na chaira de Salgueiriños, onde leron manifestos para denunciar que os alcaldes, ao seu xuízo, "lávanse as mans" e déixanos "tirados na cuneta".

A continuación, unhas 250 furgonetas circularon até a sede da Fegamp, onde entregaron un escrito co que reclaman que se lles exima do pago das taxas municipais en 2021.

Tamén solicitan axudas e critican a "discriminación" que sofren en relación con outros comercios, polas limitacións en canto a postos e capacidade, cando traballan ao aire libre. "Están a deixarnos tirados na cuneta", asegurou un dos portavoces da plataforma de comercio ambulante de Galiza, Iago Vázquez, micrófono en man, antes de partir cara á federación galega de municipios e provincias, situada en Área Central.

Pola súa banda, outro dos portavoces, Toñito Rodríguez, advertiu de que, polo momento, "non se demostrou que ningún contaxio" se producise "en ningunha feira".

Nun ambiente reivindicativo pero festivo, con música, cánticos e baile, os concentrados en Salgueiriños corearon consignas como 'Queremos traballar!', 'A feira está en loita!' e ‘Que viva a feira!'. Despois de acudiren até a sede da Fegamp, a caravana desprazouse até a Valedora do Pobo, á que tamén achegaron un documento coas súas reclamacións.

Axudas “insuficientes”

O comercio ambulante lamenta ter que facer fronte aos "gastos fixos" durante a pandemia e avisa de que as axudas "non son suficientes". Por iso, din sentirse "utilizados, discriminados e desamparados" e pregúntanse "onde está o diñeiro recadado" polos concellos.

comentarios