A CIG toma a Praza do Obradoiro nunha concentración con motivo do evento sobre o futuro do traballo

Nun contexto de crise como o actual, apunta a CIG que instancias comunitarias xa avanzan novas medidas "de austeridade" que segundo avisa "empeorarán as condicións laborais, sociais e de vida da clase traballadora".
Concentración da CIG esta quinta feira en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Concentración da CIG esta quinta feira en Compostela (Foto: Nós Diario).

A CIG mobilizouse nunha concentración na compostelá Praza do Obradoiro esta quinta feira coincidindo co evento de alto nivel do Ministerio de Traballo que abordará o futuro do traballo e do diálogo social.

Baixo o lema 'A clase traballadora galega por unha Europa dos pobos e con xustiza social', a central sindical denunciou con esta protesta a súa "sistemática exclusión" para a participación "en igualdade de condicións a outros sindicatos e interlocutores sociais, que si estarán no evento ministerial convocado con ese motivo".

A CIG denuncia que "esta exclusión vulnera os dereitos de representación institucional que ten como sindicato máis representativo desde o ano 1982".

Condición, engade, pola que participa "como membro de pleno dereito na delegación española da Organización Internacional do Traballo (OIT) e dos organismos tripartitos creados no seo da administración xeral do Estado e os seus organismos autónomos".

Exixiu, ademais, a derrogación das reformas laborais e unha nova lexislación que "restitúa" os dereitos "arrebatados" á clase traballadora "por culpa das políticas ditadas da UE, que disciplinadamente asumen e aplican os Estados, en concreto o español".

"Máis austeridade"

Nun contexto de crise como o actual, apunta a CIG que instancias comunitarias xa avanzan novas medidas "de austeridade" que segundo avisa "empeorarán as condicións laborais, sociais e de vida dos traballadores".

Comentarios