A CIG pide corrixir "deficiencias" no concurso para a cobertura da seguridade de edificios xudiciais

A central sindical denuncia que a dotación económica é “insuficiente” para cubrir os gastos e non dá resposta ás necesidades de vixilancia e seguridade das instalacións

Cidade da Xustiza de Vigo. (Foto: Rodrigo Paz)
photo_camera Cidade da Xustiza, en Vigo. (Foto: Rodrigo Paz)

A CIG denunciou eta terza feira, 22 de agosto, que o novo concurso de seguridade dos edificios xudiciais "segue sen corrixir as deficiencias respecto do persoal necesario". Nun comunicado, afirma que a dotación económica é "insuficiente para cubrir os gastos e non dá resposta ás necesidades de vixilancia e seguridade das instalacións".

Segundo explica, a Xunta da Galiza iniciou un novo procedemento de adxudicación do servizo de vixilancia e seguridade, sen que se "corrixan as anomalías detectadas" no anterior proceso. En particular, fai referencia aos edificios xudiciais da Coruña e aos de Vigo.

"Os pregos de condicións deste último lote volven contemplar unha partida económica insuficiente para afrontar os gastos do persoal que vai ser subrogado, xa que figuran 11 persoas traballadoras para cubrir 10 xornadas", denuncian desde a CIG

"No concurso só se contemplan sete xornadas a contratar, coa correspondente partida económica para esta cantidade de persoal", apunta a central sindical.

Ante isto, Pedro Pérez, responsábel nacional de seguridade privada da CIG, insta a Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes a ter en conta, entre outras cuestións, "a realidade da Cidade da Xustiza de Vigo" para que se atendan "as necesidades reais para a realización dun servizo de seguridade e vixilancia verdadeiramente efectivo".

Neste senso, volve denunciar que se están a aplicar recortes nas quendas de tarde, de noite e de fin de semana a 24 horas. Por iso o responsábel sindical agarda que se corrixan estas deficiencias "e se dea a cobertura adecuada para unha efectiva prestación do servizo de seguridade e vixilancia para os bens e as persoas e non se precarice un servizo realmente necesario e de interese público”.

Comentarios