A CIG presenta perto de 700 sinaturas de persoal de incendios para reclamar un acordo de condicións de traballo

Segundo a CIG "xa hai problemas de horarios diferentes entre bases e distritos, producindo diferenzas nas condicións laborais ddo persoal que cobran igual, e dándose episodios de abuso laboral por parte da Consellaría".
Persoal de incendios após presentar as sinaturas (Foto: CIG).
photo_camera Persoal de incendios após presentar as sinaturas (Foto: CIG).

Delegados e delegadas da Confederación Intersindical Galega (CIG) presentaron esta sexta feira, no rexistro da Xunta de Galiza, perto de 700 sinaturas de persoal do servizo de incendios para instar o Executivo galego a que negocie as súas condicións laborais, xa que “están sen convenio desde o 1 de xuño deste ano”.

Segundo explicaron a responsábel nacional da CIG-Administración, Zeltia Burgos e a delegada da central sindical no servizo, Aser Tobío, a Consellaría de Medio Rural “deixou sen regular as condicións laborais dos postos de traballo do persoal funcionario do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF), bombeiros e bombeiras forestais, emisoristas e vixilantes ou persoal das brigadas helitransportadas, entre outros, que teñen un réxime especial de prestación de servizos con quendas, noites, horarios diversos e alongados, limitacións de vacacións e outros permisos e dereitos, riscos extremos derivados do perigo de traballar na extinción dos incendios forestais da Galiza”.

Así apuntaron que están a traballar na campaña porque, polo de agora, Medio Rural mantén “unha sorte de status quo neste verán de 2023, pois a carteleira aínda está a ser compartida con outro persoal que si ten convenio”.

Porén, aseguraron que “xa hai problemas de horarios diferentes entre bases e distritos, producindo diferenzas nas condicións laborais ddo persoal que cobran igual, e dándose episodios de abuso laboral por parte da Consellaría, como a obriga de traballar, até o de agora, 11 horas por xornada durante todo o ano -e non só na campaña de verán-, que vén de se mudar pola obriga de traballar de sol a sol nas bases helitransportadas, ou impor as datas para o goce de todos os días de vacacións e permisos”.

Negociación

A CIG-Administración vén demandando, desde o pasado ano, a negociación das condicións laborais do persoal previas á funcionarización. “Ante a inacción da Administración, este mes de xullo presentamos queixa ante a Valedora do Pobo que iniciou actuacións”, lembrou Zeltia Burgos, quen denunciou que “a funcionarización deixa sen convenio o persoal recentemente funcionarizado, que non ve recollidos os dereitos laborais vinculados á especial prestación de servizos que desenvolvemos no SPIF”.

Xunto a isto aseverou que nin o Acordo de Concertación nin o Decreto de funcionarización obrigan a Administración a que os novos postos funcionariais teñan os dereitos do V Convenio Colectivo Único transitoriamente, “mentres non se negocie unha nova regulación”.

A este respecto explicou que o pasado 13 de xuño entrou en vigor a funcionarización do persoal do SPIF que quixo acollerse a este procedemento.

Os que continúan como laborais están acollidos no V Convenio Único pero coa mobilidade restrinxida e outros dereitos recortados desde 2012, como as compensacións por domingos e festivos.

Por iso considerou que é necesario un Acordo marco regulador que parta dos dereitos do V convenio único e que “minimice as posíbeis diferenzas de dereitos entre persoal funcionario e laboral.

Fronte a iso, Burgos e Tubío denunciaron o proceder da Dirección Xeral de Función Pública, da Consellaría do Medio Rural e, nomeadamente, do Director Xeral de Defensa do Monte que, dixeron, “impón mediante circulares protocolos de actuación e funcións sen negociar”.

E sinalaron os titulares de Función Pública e da Consellaría “como responsábeis de que hoxe esteamos sen dereitos laborais por estas prestacións especiais de servizo incumprindo toda a normativa laboral e o Estatuto Básico do Empregado Público”.

Comentarios