A CIG critica que o novo acordo europeo de teletraballo "non garante as condicións máis beneficiosas" para as persoas traballadoras

A central sindical alerta de que  pode "facilitar a deslocalización da actividade"
O teletraballo desde a propia vivenda aumentou como consecuencia da pandemia da Covid-19. (Foto: Eduardo Parra/ Europa Press)
photo_camera O teletraballo desde a propia vivenda aumentou como consecuencia da pandemia da Covid-19. (Foto: Eduardo Parra/ Europa Press)

A Confederación Intersindical Galega (CIG) criticou esta cuarta feira que o novo acordo europeo de teletraballo "non garante as condicións máis beneficiosas" para os traballadores e as traballadoras.

Foi a pasada sexta feira cando o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou o acordo marco polo que se posibilita que as persoas que realicen teletraballo transfronteirizo habitual estarán suxeitas á lexislación de seguridade social do Estado no que o empresario teña "a súa sede ou domicilio, sempre que o teletraballo transfronteirizo realizado no Estado de residencia sexa inferior a 50% do tempo de traballo total".

Este acordo é aplicábel, desde o 1 de xullo, en Estados europeos como Alemaña, Suíza, Liechtenstein, República Checa, Austria, Noruega, Portugal ou España, entre moitos outros.

Deslocalización e peores condicións de traballo

Tal como lamentou a CIG, aínda que é certo que con este acordo voluntariamente un traballador ou unha traballadora contratada por unha empresa con sede en Alemaña podería estar a vivir na República Checa con salario alemán, "tamén é verdade que abre a posibilidade de que ocorra ao revés, que se aproveite esta normativa de seguridade social para aplicar as condicións menos beneficiosas que se dan na República Checa a traballadores e traballadoras dalgún dos Estados asinantes con maior protección de seguridade social e de condicións de traballo".

Segundo o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, con esta normativa "non quedan garantidas para os traballadores as condicións máis beneficiosas de seguridade social dos países implicados".

Para Carril, un dos problemas que se derivan deste acordo é que pode "facilitar a deslocalización da actividade", ao permitir que se apliquen as normas de seguridade social, tanto de onde a empresa ten a súa sede, como o seu domicilio, o que pode chamar ás empresas para mudar a súa localización "provocando cambios negativos".

Pero é que ademais, alerta das consecuencias que pode ter para os lugares de recepción das e dos teletraballadores con condicións económicas máis beneficiosas. Neste sentido, apunta que xa existen experiencias de empresas que, buscando aforrar custos, promoven esta modalidade de teletraballo cara territorios con “bo clima e un custo da vida máis baixo”. "Isto posibilita a especulación nos prezos da vivenda ou doutros servizos, o que acaba por dificultar a vida dos seus habitantes, con salarios máis baixos", apunta.

Comentarios