CIG, CCOO e UXT avanzan novas mobilizacións en defensa do emprego nas Pontes

Endesa está a incumprir o acordo de contratar ao persoal das industrias auxiliares no proceso de desmantelamento da central das Pontes. Os sindicatos ameazan con novas mobilizacións no caso de non dar un solución a estes traballadores.

Concentración en Ferrol de persoal das Pontes (Foto: Europa Press).
photo_camera Concentración en Ferrol de persoal das Pontes o pasado outubro. (Foto: Europa Press).

A Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisións Obreiras (CCOO) e Unión Xeral de Traballadores (UXT) veñen de denunciar que Endesa  non “está a cumprir coa garantía de emprego das persoas traballadoras da industria auxiliar nos traballos de pre-desmantelamento da central”.

As críticas dos sindicatos chegan tras anunciar o pasado 22 de novembro a eléctrica que a empresa adxudicataria dos traballos de desmantelamento da súa central das Pontes debería garantir a contratación dos traballadores das actuais auxiliares, co obxectivo de mantee o emprego.

Endesa comprometérase nunha reunión da Mesa para o Impulso da Actividade Económica das Pontes a garantir o emprego das perto das 80 persoas empregadas na industria auxiliar.

Moncobra

As centrais sindicais lembran que “os compromisos terían que ser cumpridos o pasado 1 de decembro” e revelan que “ a situación se veu retrasada pola entrada da contratista Moncobra, responsábel dos traballos de predesmantelamento”.

CIG, CCOO e UXT advirten que “malia a incerteza temos coñecemento que preto do 35% das persoas traballadoras afectadas seguen sen ser contratadas”. Neste punto, reclaman as administracións públicas alternativas como garante do acordo con Endesa.

Os sindicatos esixen “a convocatoria inmediata da Mesa para o Impulso da Actividade Económica das Pontes, para abordar esta situación e que se garanta a continuidade da totalidade das persoas traballadoras”.

A porta esta aberta para o retorno ás mobilizacións. Neste sentido, as centras sindicais manifestan que “de non ter contestación de maneira inmediata a esta petición, retomaranse as mobilizacións nas vindeiras datas”.

Comentarios