A CIG consolídase como primeira forza sindical da Galiza

No período 2020-23 a central sindical fíxose con 31% das delegadas e delegados totais do país.
Rolda de prensa de Susana Méndez e Paulo Carril, hoxe. (Foto: Europa Press)
photo_camera Rolda de prensa de Susana Méndez e Paulo Carril, hoxe. (Foto: Europa Press)

A CIG gañou as eleccións sindicais na Galiza ao remate do período 2020-2023, de forma que continúa como a central sindical con maior representación do país, cun total de 5.131 delegados e delegadas que se traducen en 31% do total. Ou, o que é o mesmo, case un terzo e tres de cada dez. Diso informou, esta quinta feira, en rolda de prensa en Santiago, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen destaca que a CIG aumenta a súa representación en 589 persoas, un 1,59%, o que contrasta cunha caída do peso porcentual de UXT e CCOO, se ben subiron en número.

En concreto, UXT alcanzou 4.248 delegados e delegadas, un 25,7% do total, e CCOO, 4.142 representantes, un 25%, segundo os datos provisionais —a falta de que os oficialice a autoridade laboral— ofrecidos pola CIG a feche de 2023. A secretaria confederal de Organización, Susana Méndez, subliña que a CIG se revalida como primeira forza por segundo período consecutivo ao conseguir ese posto xa entre 2016 e 2019.

Sinala que é o sindicato máis representativo en todas as comarcas salvo Lugo e Ourense, así como nas federacións de industria, construción, servizos, sanidade e ensino pública. A nivel global, os delegados e delegadas elixidas neste proceso sindical foron 16.523 na Galiza, o que supón 1.104 máis que o ano anterior.

Por todo iso, Carril valora que estes datos confirman o modelo "combativo" e de "contrapoder" do modelo sindical que representa a CIG, unha central nacionalista de clase "asemblearia" e en contra da "explotación". Resalta que é a primeira forza sindical "a pesar de quen lle pese".

Comentarios