A CIG galardoa a loita do comercio de Pontevedra e da limpeza de Lugo cos premios 8 e 10 de Marzo

No acto, lembráronse tamén das figuras dos sindicalistas Xesús Arrizado e Fernando Solla, que faleceron o pasado ano 2023.
Foto de familia da entrega dos premios 8 e 10 de Marzo da CIG (Foto: Nós Diario).
photo_camera Foto de familia da entrega dos premios 8 e 10 de Marzo da CIG (Foto: Nós Diario).

A CIG realizou esta quinta feira o acto de entrega dos Premios 8 e 10 de Marzo, cos que se recoñeceron as loitas do persoal do comercio alimentación de Pontevedra e das traballadoras da limpeza de Lugo. Ademais, outorgouse una mención especial 10 de Marzo aos operarios e ás operarias que loitaron no conflito do Metal de Lugo, lembráronse tamén das figuras dos sindicalistas Xesús Arrizado e Fernando Solla, que faleceron o pasado ano 2023.

Ao acto, que decorre todos os anos coincidindo coa xuntanza do Consello Confederal da central sindical, asistiron como convidados representantes de diversas organización sociais, políticas e sindicais galegas, ademais de persoeiros e representantes institucionais do país como Antía Sánchez, a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, e Demetrio Fernández, o director Territorial da Inspección de Traballo.

A secretaria de Organización da CIG, Susana Méndez, encargada de conducir o acto, lembrou que con estes premios o obxectivo é conmemorar tanto o Día da Clase Obreira Galega, como o Día Internacional da Muller Traballadora, e recoñecer, de forma singular, as loitas sindicais que sobresaíron durante o ano anterior na Galiza.

Méndez foi tamén a encargada de facer entrega do Premio 8 de Marzo e de manifestar o "orgullo" de toda a central sindical nacionalista ante a "exemplar loita" levada adiante polas traballadoras da limpeza de Lugo. 

Pola súa parte, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, fixo entrega dunha distinción conmemorativa ás familias dos sindicalistas Xesús Arrizado e Fernando Solla. Un momento moi emotivo no que as persoas máis achegadas dos falecidos agradeceron o recoñecemento da organización á súa memoria e ao seu labor desenvolvido.

Carril entregou tamén, tras a proxección dun vídeo no que se resume o conflito, o Premio 10 de Marzo a unha representación dos traballadores e das traballadoras do sector de comercio da alimentación de Pontevedra pola "unidade e a determinación amosada polo persoal".

Comentarios