O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, pediu "frear o abuso" da contratación a tempo parcial e fixa descontinua, algo do que culpou á última reforma laboral.
Así se manifestou en declaracións este domingo en Ferrol ante o monumento ao 10 de marzo, no barrio de Recimil, no marco da celebración do 'Día da Clase Obreira Galega', en recordo a Amador Rei e Daniel Néboa, ex traballadores da antiga Bazán que asasinados o 10 de marzo de 1972 durante unha manifestacións dos operarios do naval tras ser alcanzados por axentes policiais.
Carril sinalou que esta é "unha xornada de reivindicación e de reafirmación na necesidade de dar unha alternativa, de dar unha confrontación á realidade actual de crise".
Ademais, o secretario xeral da CIG xustificou esta mobilización polos “baixos salarios e a precariedade laboral, así como para reclamar "unha nova lexislación laboral que restitúa dereitos perdidos e que recoñeza dereitos novos ante as ameazas ante o cambio do tecido produtivo da economía".
Así mesmo, demandou "a necesidade de cursar un plan galego de industrialización, de creación de emprego digno, defensa de servizos públicos e que cre emprego digno", ademais dun "marco galego de relacións laborais, no que se poidan de forma directa os traballadores galegos decidir as condicións de traballo" e con "competencias plenas para decidir o noso futuro".
Outras mobilizacións
A mobilización da CIG realizouse nas sete cidades galegas, sendo a central a de Ferrol, baixo o lema 'Stop precariedade - traballo digno, marco galego de relacións laborais'.
Na de Compostela, os manifestantes concentráronse na Praza Roxa ás 12 horas, para, poucos minutos despois, arrincar a marcha encabezados por unha pancarta en defensa dun "marco galego de relacións laborais".
Os e as manifestantes, entre os que se atopaba a alcaldesa da capital, Goretti Sanmartín, avanzaron cara a O Hórreo para logo entrar na zona vella por Porta Faxeira e terminar na Praza do Toural.
No percorrido, marcado por choivas e claros, os asistentes gritaron consignas pola loita obreira como: 'Sen traballo non hai futuro', 'Non falta diñeiro, sobran ladróns' ou 'Se sobe o IPC, os salarios tamén'. Así mesmo, non faltaron pancartas en reclamo de igualdade de condicións para homes e mulleres: 'Stop precariedade. Traballo digno e igualdade'.