A CIG exixe a derrogación da reforma laboral do PP en materia de despedimento e garantir a aplicación da Carta Social Europea
A CIG exixiu este 11 de novembro que o Goberno español derrogue "dunha vez" a reforma laboral aprobado polo PP en 2012 e repoña as causas e contías previas de indemnización por despedimento improcedente para que o Estado español cumpra co estabelecido na Carta Social Europa (CSE). A través dun comunicado, a central nacionalista asegura que nese contexto, impulsará a presentación dunha proposta non de lei para modificar a xurisdición social "co obxectivo de blindar o carácter vinculante (e polo tanto de obrigada execución por parte do Estado español) das decisións do Comité Europeo de Dereitos Sociais".
A petición coincide coa apertura por parte do Ministerio de Traballo da chamada mesa do diálogo social para abordar a reforma do despedimento, en base á resolución do Comité Europeo de Dereitos Sociais, que para a CIG "volve evidenciar a nula vontade do Goberno español para deixar sen efecto a reforma laboral de 2012".
Para o secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, a reforma segue "inxustificada e indebidamente en vigor tendo representado o maior ataque aos dereitos das persoas traballadoras, especialmente no relativo ao abaratamento do despedimento individual e colectivo, en facilitar as causas e situar na unilateralidade empresarial as decisión de executar ERE ou ERTE".
Paulo Carril puntualiza que a CSE é un tratado internacional que os Estados ratifican de maneira voluntaria, que está incorporada ao ordenamento interno a través da súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) e que as resolucións ditadas polo seu órgano de control "son vinculantes".
"Á teimosía do Goberno español en perpetuar a vixencia a normativa de 2012 e á dilación inxustificada no cumprimento da Carta Social Europea, agrávase coa sentenza do Tribunal Supremo do 16 de xullo de 2025, que considera que as decisións do CEDS non son executivas nin directamente aplicábeis entre particulares", sinala o secretario xeral da central nacionalista.
“Como poder do Estado que é, o TS debera velar pola execución das resolución do Comité para que se cumpra a Carta Social Europea, no canto de deixala sen efecto”, valora Carril.
Sen pluralidade sindical
Por outra parte, Carril critica a fórmula escollida polo Ministerio de Traballo para tratar a reforma do despedimento, que amosa "o nulo respecto do Goberno español á pluralidade sindical existente", ao utilizar, outra vez, o chamado diálogo social para excluír aos sindicatos, como a CIG, que teñen a condición legal de máis representativos. "Alén de sermos o sindicato maioritario na Galiza, a CIG ten o dereito legal a ser escoitada en igualdade de trato que o resto de sindicatos".
Neste sentido, a CIG cre de "enorme gravidade" que o Ministerio leve á chamada mesa do diálogo social o despedimento, "cando debera de actuar tomando decisións xa aprobando os cambios lexislativos necesarios en materia de despedimento para recuperar e crear novos dereitos".
Carril lémbralle ao Ministerio de Traballo e ao Goberno español que está “duplamente obrigado a tomar decisións nesta dirección de forma inmediata e urxente: porque segue pendente de resolver a reivindicación social a prol da derrogación da reforma laboral de 2012 e porque hai que cumprir as resolucións do CEDS”.
Proposición de lei
Ante esta realidade "e a inacción do Goberno", a CIG promoverá a presentación dunha iniciativa lexislativa, mediante unha proposición de lei, no Congreso dos Deputados e das Deputadas, solicitando ao Ministerio que se sume e apoie, a fin de garantir "o carácter vinculante das decisións do Comité Europeo de Dereitos Sociais e a súa obrigada execución por parte do Estado español".
A proposta recolle a modificación do artigo 219.2 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da Xurisdición Social, pola que se engade un novo inciso no seu parágrafo segundo co seguinte contido:
"Poderá alegarse como doutrina de contradición a establecida nas sentenzas ditadas polo Tribunal Constitucional e polos órganos xurisdicionais instituídos nos tratados e acordos internacionais en materia de dereitos humanos e liberdades fundamentais ratificados por España, sempre que se cumpran os presupostos do número anterior referidos á pretensión de tutela de tales dereitos e liberdades. A sentenza que resolva o recurso limitarase, nese punto de contradición, a conceder ou denegar a tutela do dereito ou liberdade invocados, en función da aplicabilidade desa doutrina ao suposto formulado.
Cos mesmos requisitos e alcance sobre a súa aplicabilidade, poderá invocarse a doutrina estabelecida nas sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea en interpretación do dereito comunitario e nas decisións do Comité Europeo de Dereitos Sociais en interpretación da Carta Social Europea (revisada)".


