A CIG denuncia a "fuga de persoal" do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo polo "desmantelamento planificado" da Xunta
A CIG-Autonómica alertou esta sexta feira do desmantelamento planificado que está a sufrir o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), como consecuencia directa da política de persoal "e da nefasta xestión da Xunta, que está a provocar a fuga de persoal investigador e técnico cualificado e a parálise da actividade científica no centro".
Recentemente, seis investigadores e investigadoras fixeron pública a súa decisión de marchar do CIAM, denunciando un "desmantelamento planificado" e unha "situación laboral insostíbel que compromete o futuro da investigación agraria na Galiza".
A súa marcha, cualificada como "voluntariamente forzosa", é unha mostra máis da fuga de talento "derivada do maltrato institucional ao que se está a someter ao persoal do centro", segundo denuncia o sindicato.
O Agacal foi creado en 2018 con persoal procedente da Xunta da Galiza e, posteriormente, no ano 2021, aprobouse unha Relación de Postos de Traballo (RPT) "chapuceira", coa promesa de abrir unha negociación en profundidade para analizar as funcións e condicións laborais do persoal.
Porén, a negociación ficou paralizada tras varios intentos "polas pretensións ilegais da dirección, como a eliminación de complementos salariais recoñecidos por sentenzas xudiciais firmes", explica a CIG.
A central sindical nacionalista leva tempo denunciando a situación do centro "onde se multiplican os accidentes por sobrecarga e falta de persoal". Denunciou tamén ante a Inspección de Traballo, onde dúas denuncias polo "mal estado das instalacións e da maquinaria", despois de rexistrarse un accidente grave.
