A CIG lamenta que a paralización do traballo non esencial chega "tarde"

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, censura a “improvisación e a incompetencia” do Goberno español nas decisións para a xestión da pandemia, e que se demostra, segundo o sindicato, no anuncio da paralización de toda a actividade  laborar non considerada como esencial.

[Imaxe: CIG] Paulo Carril
photo_camera Paulo Carril (CIG)

"Desde a CIG levamos semanas exixindo que se paren todas as actividades menos as imprescindíbeis pola alerta sanitaria, e esta decisión parécemos que se anuncia  tarde e mal, con improvisación e incompetencia, porque, á hora de tomar decisións non é de recibo que o venres teña lugar un consello de ministros e ministras, se anuncie un paquete de medidas, se anuncie un novo consello de ministros. Reúnense máis para tomar medidas que para executalas", lamenta Paulo Carril.

Como censura, a falta de previsión no ámbito laboral está a causar "centos de miles de despedimentos, ERTE e desprotección para múltiples colectivos profesionais".    

O secretario xeral da CIG lamenta tamén que non se aprobaran as propostas "que desde o primeiro día reclamou o sindicato", como son o permiso retribuído por deber inescusábel para coidados e alerta sanitaria, un fondo extraordinario do Estado para sufragar estes gastos, compensacións especiais nos sectores que deban permanecer en activo e control estrito das condicións de seguridade nestes sectores.

“Se desde o primeiro momento fosen esas as medidas, o caos social e a inxustiza para moitas persoas non se tería producido”, observa, e critica o papel de UGT e CCOO, por "avalar e colaborar con todas e cada unha destas erráticas decisións do Goberno”.

Plan de choque social

A CIG alerta tamén da falta dun plan de choque social para paliar as consecuencias que para a clase traballadora terán as medidas que se están a adoptar. "Miles de traballadoras e traballadores aos que non se lles dá alternativa, e que sufrirán ademais unha grave perda de ingresos, sen certeza de canto e cando van cobrar”, observa 

Nese sentido, a CIG reclama unha moratoria no pagamento de subministros básicos e o abaratamento dos bens de primeira necesidade. Ademais de compensacións para as empresas, pide compensacións especiais en sectores como o sanitario, coidados e do comercio que permaneza activo.

"Seguen sen acordarse solucións para enfrontar a desprotección total na que se deixou ás traballadoras e traballadores temporais, ETT, despedidas nas ultimas semanas ou das empregadas do fogar, para as que non se preveu ningunha medida", alerta Carril. 

Comentarios