CIG considera “unha labazada á clase traballadora” o pacto de patronal, Xunta e sindicatos estatais

“Avalan, non só as reformas laborais, senón tamén os recortes que se veñen aplicando en todos os planos”, afirma a primeira central sindical na Galiza.

Primeiro de Maio CIG.
photo_camera Primeiro de Maio CIG.

O pasado mes de febreiro Paulo Carril, secretario xeral da CIG, afirmaba que non vía lóxica nun “diálogo social” cunha Xunta “responsábel” de recortes e empobrecementos. Afirmábao perante a cita da Consellería de Economía os tres sindicatos (CIG, CCOO e UXT) e a Confederación de Empresarios para iniciar o diálogo social. Dez meses despois, a central nacionalista, primeira forza sindical na Galiza, considera que CCOO e UGT lexitiman as políticas regresivas de Feixóo co acordo asinado nesta semana a mesa de diálogo social

Para a CIG esa sinatura dos dous sindicatos estatais faise nun contexto de “gravísima crise industrial” – “con 50.000 persoas menos traballando neste sector desde 2009; un medre da destrución de emprego; unha extensión da pobreza polas reformas laborais e das pensións e polos baixos salarios; un gravísimo problema de emigración da nosa mocidade...”-. Por iso, afirma, asinar ese pacto “non só están lexitimando as demoledoras políticas antiobreiras e antigalegas do PP no goberno da Xunta, senón mesmo avalando a súa continuidade”.

Paulo Carril considera “unha labazada á clase traballadora e ao pobo galego” a fotografía que “lle veñen de regalar ao PP a poucos meses das eleccións ao Parlamento galego”.

Carril cuestiona ademais os contidos do acordo asinado. Desde o contemplado nas cláusulas sociais na contratación pública até o relativo á industria 4.0, pasando por políticas activas de emprego, entre outras. Entende que no documento non están as medidas que se precisan.

Comentarios