A CIG concéntrase para exixir a revalorización das pensións coa suba do IPC

As manifestantes denunciaron a perda de poder adquisitivo que acumulan as súas pensións.
Concentración do colectivo de persoas xubiladas en pensionistas da CIG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concentración do colectivo de persoas xubiladas en pensionistas da CIG. (Foto: Nós Diario)

Persoas xubiladas e pensionistas da CIG concentráronse esta quinta feira nas sete cidades galegas para demandar a revalorización das pensións de acordo ao IPC “real”. As manifestantes denunciaron a perda de poder adquisitivo que acumulan as súas pensións, as segundas máis baixas do Estado español, e reclamaron a derrogación tanto da reforma das pensións como das reformas laborais.

O colectivo lembrou que en xaneiro do ano pasado entrou en vigor a reforma das pensións que, segundo anunciou o Goberno estatal, recuperaba a revalorización das pensións anualmente de acordo ao IPC.

Porén, a CIG denuncia que “esa revalorización ten truco” e que a actualización que recolle a reforma “faise con respecto ao IPC medio do ano, en lugar de ter en conta o IPC acumulado”.

Isto significa que, por exemplo, no ano 2021 as súas pensións tiveran unha perda de 4% de poder adquisitivo porque “se revalorizaron en 2,5%, que foi a cifra do IPC medio de 2021, en lugar do 6,5%, que foi a porcentaxe do IPC acumulado ao peche do ano”.

Suba das pensións ficticia

A central sindical critica que “o mesmo Goberno que nos fixo tragar con ese calote anunciou que a suba das pensións de cara ao 2023 será do entorno de 8,5%”.

“Mais se temos en conta que a inflación acumulada no mes de setembro foi de 9%, agora mesmo estaríamos perdendo medio punto máis de poder adquisitivo”, advertiron os manifestantes, que sinalan que se o IPC volve subir antes de final de ano “a diferenza e a perda de poder adquisitivo será maior”.

Finalmente, o colectivo de xubilados, xubiladas e pensionistas da CIG volveu exixir a revalorización das pensións conforme ao IPC acumulado a final de ano e a recuperación dos dereitos perdidos en canto ás pensións. “É precisa, sen demora, a derrogación das reformas das pensións, empezando pola de 2011 e incluíndo a de 2021”, concluíron.

Comentarios