A Galiza ten a pensión media de xubilación máis baixa após Estremadura

As persoas xubiladas galegas perciben 192,19 euros mensuais menos que a media do Estado español.
A esperanza de vida na Galiza aumentou en 2021. (Foto: Nós Diario).
photo_camera As persoas xubiladas na Galiza percibirán este ano, de media, 1.053,71 euros mensuais (Foto: Nós Diario).

A pensión media de xubilación alcanza os 1.053,71 euros na Galiza no presente mes de xaneiro, o que supón 42,33 euros máis que en decembro de 2021 (1.011,38 euros), segundo os datos publicados esta terza feira polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. A pesar deste incremento, sitúase 192 euros por baixo da media estatal, que é de 1.245,9 euros.

Desta forma, a Galiza segue ao comezo de 2022 como o segundo territorio pola cola, só por riba de Estremadura (1.036,04 euros). A pensión de xubilación máis elevada é a de Euskadi (1.527,8), seguida por Asturies (1.494,7), Madrid (1.449,7) e Nafarroa (1.405,4).

Pola súa parte, a pensión media do sistema, que comprende as distintas clases de pensión —xubilación, incapacidade permanente, viuvez, orfandade e a favor de familiares, etc.—, fica en 923,27 euros na Galiza en xaneiro, un aumento interanual de 5,57%. É a segunda máis baixa do Estado español, só superada, novamente, pola de Estremadura (902,79 euros). A media estatal é de 1.082,98 euros.

Aumento das pensións

Este xaneiro o número de pensións da Seguridade Social foi na Galiza de 769.285, isto é, 0,44% máis que no mesmo mes do ano anterior. Delas, 482.957 son de xubilación. Por tipo de pensións, após a de xubilación, o maior importe corresponde á de incapacidade permanente, cunha media de 938,78 euros ao mes, con 70.698 persoas beneficiarias no país.

A continuación sitúase a de viuvez, cunha media de 653,44 euros e 185.508 perceptores e perceptoras; seguida da pensión a favor de familiares, con 561,12 euros e unha cifra de 6.783 beneficiarios, e a de orfandade, cuns 430,34 euros mensuais e 23.339 pensións.

Na Galiza hai, a 1 de xaneiro de 2022, 218.183 pensións con complemento a mínimos, o que supón 28,4% do total, seis puntos por riba da media estatal (22,5%).

Revalorización de 2,5%

A Seguridade Social destinou neste mes de xaneiro 10.745,4 millóns de euros ao pagamento de pensións contributivas no Estado, o que supón unha suba de 4,8% a respecto do mesmo mes de 2021, incluíndo a desviación do Índice de Prezos ao Consumo (IPC). Na nómina de xaneiro inclúese a revalorización das pensións contributivas en 2,5% para este ano, de acordo co novo mecanismo de actualización, vencellado ao IPC, incluído na primeira pata da reforma de pensións.

O departamento que dirixe José Luís Escrivá estima que o gasto en pensións situouse en 12% do PIB en 2021, proporción que se mantivo no primeiro mes de 2022. Esta porcentaxe é inferior a de 2020 (12,4% do PIB), ano condicionado polo impacto da pandemia sobre o PIB, mais superior á de 2019 (10,9% do PIB).

Mudanzas lexislativas

O Consello de Ministras aprobou esta terza feira o Real Decreto polo que as pensións contributivas soben 2,5% e as mínimas e non contributivas, 3%, tal e como estabelecen os Orzamentos Xerais do Estado (OXE) para 2022 e a primeira pata da reforma das pensións, en vigor desde o pasado 1 de xaneiro. Na rolda de prensa posterior ao Consello, Escrivá explicou que o custo desta revalorización ascende a 6.500 millóns de euros. Nesta contía inclúese o custo da paga compensatoria ás persoas pensionistas pola desviación dos prezos en 2021 a respecto da suba inicial (0,9%).

Así, para unha pensión media de 1.127 euros ao mes, esta paga alcanza os 250 euros, e a revalorización, 400 euros ao ano. Deste modo, sumando ambos os conceptos, unha pensión destas características elevaríase en 651 euros anuais a respecto de 2020, segundo subliñou o ministro.

Escrivá lembrou que as pensións contributivas soben este ano 2,5% en función da fórmula contemplada na reforma de pensións e na que se ten en conta o IPC para evitar perdas de poder adquisitivo. Con esta fórmula xa en vigor, a paga compensatoria pola desviación de prezos de 2021 será a última que reciban as e os pensionistas, pois a partir deste ano as súas pensións xa se actualizan conforme ao IPC.

En concreto, este incremento de 2,5% é o resultado da media do IPC entre decembro de 2020 e novembro de 2021. As pensións de clases pasivas tamén soben este ano 2,5%. Para as e os beneficiarios de pensións mínimas, pensións non contributivas e Ingreso Mínimo Vital (IMV), a suba alcanzará este ano 3%.

Comentarios