A contía das pensións das mulleres é 32,8% inferior á dos varóns na Galiza

Os pensionistas galegos son un colectivo moi vulnerábel. A isto, contribúe a contía das pensións no país, que se coloca nos postos de cola do Estado, fechando a clasificación no caso dalgúns réximes e colectivos. Tanto é así que 52,4% das pensións percibidas sitúanse por baixo da limiar da pobreza.
A OCDE é partidaria de reducir as pensións para garantilas (Foto: Nós Diario).
photo_camera En 2021 volveuse incrementar a fenda entre as pensións galegas e as do conxunto do Estado. (Foto: Nós Diario)

A Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN) sinala no seu último informe, con datos referidos a 31 de decembro de 2021, que 52,4% de todas as pensións que se perciben na Galiza están por debaixo do limiar da pobreza. Así, o referido relatorio de EAPN-Galiza significa que este dato “converte Galiza na comunidade autónoma do Estado con maior porcentaxe de pensións por debaixo do limiar de pobreza”. Na mesma dirección, destaca que “se se consideran só as pensións de viuvez  (case todas de mulleres), 67,8% atópanse por debaixo do limiar de pobreza relativa” e lembran que neste colectivo Galiza encabeza as taxas de pobreza severa.

Pensións contributivas

A contía das pensións explica esta situación. Sen ir máis lonxe, a pensión contributiva media situouse na Galiza á volta 2021 en 880,63 euros mensuais, isto é 153,59 euros ao mes por baixo da media do Estado. Neste caso, a problemática de xénero visualízase de modo evidente, até o punto de que o importe medio percibido polas mulleres, 53,8% das beneficiarias da referida prestación, atópase en 701,18 euros ao mes, aproximadamente 32,8% inferior ás pensións contributivas dos varóns, cuxo valor chega a 1.082,85 euros ao mes.

Neste sentido, o Consello Económico e Social denunciou na súa recente memoria, con datos referidos a 2021, que nese exercicio “volveuse incrementar a fenda entre as pensións galegas e as do conxunto do Estado”, ao rexistrar as primeiras unha alza de 2,4%.

A viuvez

As pensións de viuvez son un caso paradigmático desta realidade. As prestacións, destinadas a compensar a situación de necesidade económica que produce para determinadas persoas o falecemento doutras, sitúanse na Galiza á cola do Estado. Neste sentido, o número de persoas beneficiarias de pensións contributivas de viuvez na Galiza mantense practicamente estábel nos dous últimos exercicios, alcanzado 185.500 cidadáns, maiormente mulleres. Así, a anualidade de 2021 rexistrou unha contía media mensual de 624,45 euros ao mes, situándose 115,59 euros por baixo da media estatal.

Pensións dos autónomos

A situación é semellante para os autónomos. A este respecto, a pensión media no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) é de 620,0 euros mensuais, 92,93 euros mensuais por baixo da media estatal. Nesta liña, un informe elaborado pola Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) sinala que os traballadores por conta propia da Galiza perciben a contía de xubilación máis baixa do conxunto do Estado español. Porén, só 75,7% dos autónomos galegos pagan a cota mínima, fixada en 289 euros, fronte a 85,7% de media do conxunto estatal.

A xeografía da pobreza na Galiza atende a criterios de idade. Precisamente aquelas áreas máis envellecidas do país presentan as taxas máis altas de pobreza, como sinala a Enquisa estrutural de fogares para 2020, elaborada polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que sinala que “Ourense sur (Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana) presenta a taxa de pobreza máis elevada, superando 30%, situándose este nivel por riba de 25,5% nas áreas de Caldas-O Salnés e Pontevedra sur, que engloba ás comarcas da Paradanta, Baixo Miño e O Condado”.

Pobreza severa

216.416 pensionistas galegos atópanse en situación de pobreza severa. A EAPN inclúe nesta categoría aquelas persoas que viven en fogares cuxos ingresos por unidade de consumo son inferiores en 40% á media da renda estatal, unha cifra notabelmente máis baixa á empregada para definir o risco de pobreza e, por tanto, o indicador agrupa persoas que están nunha situación límite.

Neste sentido, o limiar de renda utilizado en 2021 para considerar que un fogar está en pobreza severa é de 6.506,3 euros por unidade de consumo ao ano, isto é, que cada persoa debe sobrevivir con menos de 281 euros mensuais en 14 pagas. Neste sentido, a Galiza rexistra a máis alta porcentaxe do Estado español de pensionistas en situación de pobreza severa.

Precariedade extrema

Un caso de precariedade extrema certifícase con 13.574 beneficiarios de pensións non contributivas de xubilación e con 14.022 perceptores de pensións non contributivas de invalidez. Os primeiros reciben 391,94 euros ao mes e os segundos 431,54 euros ao mes, en 12 pagas.

Comentarios