A reforma das pensións reduce 10,3% a contía da xubilación das mulleres

O Goberno do Estado español retoma a reforma das pensións. A proposta pactada entre o Executivo español e a Comisión Europea formula ampliar a base de cotización de 25 a 35 anos. Neste caso, a contía das pensións das mulleres caería 10,3%, aumentado  máis a fenda cos homes até 35,2%.
A proposta de reforma das pensións aumenta a fenda entre mulleres e varóns. (Foto: Europa Press)
photo_camera A proposta de reforma das pensións aumenta a fenda entre mulleres e varóns. (Foto: Europa Press)

As pensións de xubilación das mulleres son 32,8% inferiores ás dos varóns. Neste sentido, o importe medio percibido polas mulleres, 53,8% das beneficiarias da referida prestación, atópase en 701,18 euros mensuais, 381,67 euros ao mes menos que os homes, cuxo valor acada  1.082,85 euros mensuais.

O Consello Económico e Social denunciou na súa recente memoria, con datos referidos a 2021, que nese exercicio "volveuse incrementar a fenda entre as  pensións galegas e as do conxunto do Estado", ao rexistrar as segundas unha alza de 2,4%.

A fenda entre as pensións dos homes e das mulleres está chamada a aumentar no caso de aprobarse a reforma do sistema de pensións defendida desde o Goberno do Estado e a Comisión Europea. A este respecto, os diversos estudos coñecidos nos últimos meses sinalan que as mulleres son un colectivo particularmente afectado polo incremento do tempo de cálculo das pensións.

O prestixioso Grupo de Investigación en Pensións e Protección Social, un equipo conformado por profesores da Universitat de València e da Universidade de Estremadura, afirma que "detectamos un posíbel problema de discriminación indirecta por razón de xénero, xa que as mulleres presentan carreiras laborais máis curtas, co cal a súa pensión inicial reduciríase en 10,3%, no caso das cotizantes no réxime xeral fronte á redución dos homes que sería de 7,9%".

As mulleres perden

A ampliación do período de cómputo supón unha redución da pensión das mulleres en relación coa dos homes de 30%. Segundo os expertos da Universitat de València e da Universidade de Estremadura, "a razón da influencia da distinta duración da carreira laboral é a integración de lagoas: a menor carreira laboral máis necesidade de integración de lagoas ao pasar de 25 a 35 anos e maior número delas co 50% da base mínima que co 100%, agás que no futuro se modifique esta circunstancia. As mulleres autónomas [profesionais por conta propia] sairían dobremente prexudicadas con esta proposta. Nesta dirección, o relatorio destaca que "os colectivos máis prexudicados polo alongamento do período de cómputo serían os autónomos, pois a inmensa maioría cotizan polas bases mínimas durante os períodos máis afastados da idade de xubilación".

A este respecto, os autónomos presentan un retallo na contía inicial notabelmente superior ao dos traballadores integrados no réxime xeral, sinalando que "estamos diante dunha discriminación evidente".

Os investigadores da Universitat de València e da Universidade de Estremadura significan no seu relatorio que "o réxime de autónomos sairía máis prexudicado, cunha baixada de 10,3%, fronte a 8,6% de redución no réxime xeral, debido a que no de autónomos non se integran as lagoas de cotización, é dicir, os meses non cotizados computan con cero euros, penalizando fortemente o valor da base reguladora". Porén, o documento explica que "as mulleres autónomas verían minguado o seu poder adquisitivo en 12,35%".

A proposta de reforma das pensións repercute nos autónomos. A este respecto, a pensión media no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) é de 620,0 euros mensuais, 92,93 euros mensuais por baixo da media estatal. Asemade, un informe elaborado pola Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) sinala que os traballadores por conta propia da Galiza perciben a contía de xubilación máis baixa do conxunto do Estado español.

Novo marco normativo

A vindeira semana dá comezo unha segunda quenda para deixar aprobada a reforma do sistema de pensións acordado entre o Estado español e a Comisión Europea. O novo marco normativo impulsado desde o Executivo do Estado implica darlle continuidade á reforma de pensións de 2011, aprobada polo Goberno de Zapatero seguindo as indicacións das autoridades comunitarias. Segundo esa lexislación, o número de anos que se toman para calcular a pensión dos novos xubilados ía subindo paulatinamente dos últimos 15 anos cotizados polo traballador aos últimos 25 entre 2013 e 2022.

A viabilidade do modelo de pensións

A suposta falla de viabilidade do modelo de pensións e a súa quebra futura é empregada como argumento para a reforma das pensións Neste sentido, o economista da Universitat de Barcelona  Ramón Franquesa destaca a carga ideolóxica da iniciativa e critica o "seu carácter neoliberal".

Comentarios