A CIG chama a unha gran cazolada contra as medidas da Xunta e o Goberno español

A CIG convoca esta sexta feira ás 12 horas unha cazolada para protestas polas medidas adoitadas polos Gobernos español e galego.
susana mendez paulo carril cig
photo_camera susana mendez paulo carril cig

A CIG anima a participar na cazolada desde as fiestras que ten convocada para esta sexta feira ás 12 horas baixo o lema #QueEscoiten. O obxectivo desta mobilización é reivindicar medidas de protección social "reais e plenas", ingresos dignos e seguridade para as traballadoras e traballadores dos sectores en activo.

Para o sindicato é "unha temeridade" a decisión do Goberno español de prorrogar o estado de alarma sen corrixir "as cativas e inxustas" medidas económicas e sociais acordadas sen contar cos mecanismos necesarios para facelas efectivas, o que está a provocar, segundo denuncia, "un efecto devastador na clase obreira".

O seu secretario xeral, Paulo Carril, lamenta tamén que a prórroga non leve aparellada a continuidade da paralización da actividade non esencial, "facendo así prevalecer o interese do capital fronte á saúde das traballadoras", e lembra que de ter aplicado desde o primeiro día un permiso retribuído por deber inescusábel e creado un fondo público de compensación para as empresas, como propuxo a CIG, "a solución sería máis xusta para a maioría social e evitaríase o actual caos".

De igual xeito, o secretario xeral da CIG critica o "abandono de funcións" do Goberno de Núñez Feixoo, "negándose a exercer as competencias que ten Galiza e aplaudindo a suspensión do autogoberno". Un Feixoo que, lembra Carril, é responsábel da "dramática situación en canto á falta de persoal e de medios que se dá na sanidade pública e nas residencias de maiores, de menores e de atención á discapacidade", e tamén de non ter feito nada para garantir a seguridade do persoal dos servizos da limpeza.

"Ante tanta inxustiza, improvisación e incompetencia dos Gobernos español e galego, temos que recuperar o noso autogoberno e avanzar na nosa capacidade de decidir, porque a saída desta crise non pode ser a conta de empobrecer aínda máis a clase traballadora", sinala o líder sindical, que anima a participar na cazolada.

Comentarios