Traballadoras e traballadores de Clece, empresa que xestiona a limpeza das instalacións de PSA Peugeot Citröen en Vigo, manifestáronse na sexta, Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, para denunciar a precarización do emprego e os continuos recortes de persoal.
Con esta mobilización, promovida pola representación da CIG e da CGT no comité de empresa, tamén se rexeitou a mobilidade funcional das traballadoras e traballadores en diferentes postos sen ter a formación axeitada en prevención. O obxectivo da marcha, que decorreu polas inmediacións da planta, tamén pasaba por denunciar cuestións como a insalubridade dos vestiarios ou o feito de que Mutua Universal derive os accidentes laborais que se producen na empresa ao servizo público de saúde, “cargando os custes nas esquilmadas arcas públicas”.