Patronal, CCOO e UXT alcanzan un preacordo para subir os salarios: 4% en 2023 e 3% nos dous anos seguintes

CCOO, UXT, CEOE e Cepyme intentan ultimar un acordo.
A patronal tense amosado contraria a subir o SMI á contorna dos 1.000 euros mensuais (Foto: Nós Diario).
photo_camera A patronal tense amosado contraria a subir o SMI á contorna dos 1.000 euros mensuais (Foto: Nós Diario).

CCOO, UXT, CEOE e Cepyme encontrábanse reunidos ás 15 horas desta sexta feira para intentar chegar a un acordo plurianual de salarios.

Segundo fontes da negociación, aínda non hai nada fechado, pero os órganos de dirección dos axentes sociais xa foron convocados para a próxima segunda feira.

Sobre a mesa figura un roteiro de incrementos salariais para o período 2023-2025 de 4% para 2023, e 3% para os anos seguintes. Tanto sindicatos como a patronal insisten, aínda, en que a negociación segue aberta. Desta maneira, estas poderían non ser as cifras definitivas.

O presidente da CEOE, Antonio Garamendi, leva días dicindo que o acordo e posíbel e apelando á discreción dos negociadores. Tamén pediu á vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, que non se metera nunha negociación que compete exclusivamente aos axentes sociais.

Esta nova chega nun mes no que o Instituto Nacional de Estatística (INE) adiantaba unha inflación interanual de 4,1%, un novo ascenso logo da baixada experimentada en marzo. Pola súa parte, a inflación subxacente (que non ten en conta alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos) marcaría en abril unha taxa de 6,6%.

Proposta dos sindicatos

Os sindicatos propuxeron á CEOE e á Cepyme incluía subidas salariais iniciais de 5% para 2022, de 4,5% para 2023 e 3,75% para 2024, coa inclusión dunha cláusula de revisión salarial mixta que atendese tanto ao mantemento do poder de compra dos salarios como á situación económica das empresas, medida pola evolución da súa marxe de beneficios.

Da mesma maneira, os sindicatos pediran ao Goberno estatal que, se non había acordo coa CEOE, estabelecera unha contribución mínima no Imposto sobre Sociedades de 15% ou 20% sobre o total de beneficios, unha proposta que no seu día non gustou á CEOE.

Comentarios