Apróbase a suba do salario mínimo a 1.080 euros mensuais

 A subida do SMI en 8% foi acordada polo Goberno, CCOO e UXT o pasado 31 de xaneiro, co rexeitamento das patronais CEOE e Cepyme, que non se asistiron presencialmente a ningunha das dúas reunións que se convocaron para abordar a contía desta renda mínima.
#hostalaría #reparto #repartidor #traballo #recursos (Foto: Arxina)
photo_camera O salario mínimo será de 1.080 euros ao mes en 14 pagas. (Foto: Arxina)

O Consello de Ministros aprobou esta terza feira a suba prevista de 8% para o salario mínimo interprofesional (SMI), até os 1.080 euros ao mes en 14 pagas, con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro deste ano. Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Executivo, a portavoz do Goberno e titular de Política Territorial, Isabel Rodríguez, destacou que desde que Pedro Sánchez chegou á Presidencia o SMI subiu case 50%, máis de 350 euros.

Pola súa parte, a vicepresidenta segunda e titular de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, destacou que, coa alza do SMI até os 1.080 euros, o Goberno español "cumpre co seu compromiso de lexislatura" de situar esta renda mínima en 60% do salario medio español, como estabelece a Carta Social Europea.

"O Goberno cumpre cos seus compromisos de programa. Cumprimos co acordo de Goberno e co compromiso do 60% recolleito na Carta Social Europea [...] Hoxe tamén estamos a cumprir con Europa", subliñou a vicepresidenta segunda.

Díaz resaltou ademais que o SMI "é unha variábel que permite cambiar a vida da xente", de forma que o seu ascenso até os 1.080 euros ao mes permitirá, por exemplo, que unha nai compre peixe ou froita de tempada aos seus fillos.

 A subida do SMI en 8% foi acordada polo Goberno, CCOO e UXT o pasado 31 de xaneiro, co rexeitamento das patronais CEOE e Cepyme, que non se asistiron presencialmente a ningunha das dúas reunións que se convocaron para abordar a contía desta renda mínima.

Co incremento aprobado esta terza, o SMI situarase, con efectos desde o 1 de xaneiro deste ano, en 15.120 euros anuais, 1.080 euros ao mes e 36 euros ao día. No caso dos traballadores eventuais e temporeiros cuxos servizos a unha mesma empresa non excedan de 120 días, a contía do salario non poderá ser inferior aos 51,15 euros por xornada legal en actividade.

Para os empregados de fogar que traballen por hora, a hora traballada pagarase en 2023 a 8,45 euros, resultado de incluír todos os conceptos retributivos, gratificacións extraordinarias, descansos e vacacións.

A suba de 8% acordada entre o Goberno, CCOO e UXT para este ano é a máis elevada desde 2019, cando esta renda mínima se revalorizou en 22,3%. En 2020, a subida foi de 5,6% e prorrogouse durante 2021, até que en setembro dese ano se aprobou un novo aumento de 1,6%, de aplicación a partir do 1 dese mes ata o 31 de decembro de 2021.

En 2022, o SMI subiu 3,6%, até os 1.000 euros en 14 pagas. A cifra pactada entre o Goberno español e os sindicatos para este ano atópase algo por baixo da banda alta recomendada pola Comisión de Expertos á que Traballo encargou os estudos do SMI.

O informe presentado por esta Comisión estabeleceu unha pinza de subida para 2023 de entre o 4,6%, até os 1.046 euros, e 8,2%, até os 1.082 euros.

O monto final tamén resulta algo menos ambicioso do que pedían os sindicatos. UXT reclamaba un SMI de 1.100 euros mensuais, mentres que CC.OO. movíase entre eses 1.082 euros da banda alta dos expertos e os 1.100 euros.

Aínda que a CEOE non acudiu a ningunha das dúas citas convocadas por Traballo, enviou un documento á mesa de negociación no que expuña unha subida de 4% para o SMI de 2023 e exixía que se revisase a situación do campo e os contratos das empresas privadas coas administracións públicas.

Comentarios