Unhas tres mil persoas apoian os traballadores de Ferroatlántica

Pasadas as 17h comezaba en Cee o primeiro dos protestos convocados polo Comité de Empresa de Ferroatlántica, que organizou a concentración coincidindo co día da toma de posesión de Feijóo como presidente da Xunta. Segundo a organización, participaron arredor de 3.000 persoas.

Concentración de Ferroatlántica en Cee
photo_camera Concentración de Ferroatlántica en Cee

O rexeitamento á segregación e á venda especulativa foi o fío condutor da concentración convocada polo Comité de Empresa de Ferroatlántica en Cee, que congregou centos de persoas. O actor Toño Casais leu un manifesto en que se denunciaron os “privilexios e dereitos” aos que tivo acceso a empresa. “Sen os nosos encoros e ríos, as centrais non xerarían activos hidráulicos”, lembrou, entre aplausos das persoas que asistiron á chamada do Comité de Empresa.

Aliás, o manifesto serviu para explicar que a segregación de actividades representaría o feche de fábricas, “unha industria destas características onde nos últimos 25 anos non se investiu en melloras non é competitiva”. Tamén se expuxo que a venda suporía “un incremento dos custos enerxéticos” que serían “insoportábeis para a viabilidade”.

O Comité de Empresa amosouse seguro de que “as cousas poden cambiar”, máxima nunha comarca que “non quere resignarse”. Amais de denunciar “o espolio dos recursos”, que suporá “o desartellamento político e social da contorna”, o Comité de Empresa salientou que a actividade económica nas centrais “debe contribuír ao dinamismo e benestar da comarca”. Para isto, apelou ao papel que debe desenvolver a Xunta de Galiza.

A ollada posta na Xunta

No manifesto emprazouse o Goberno galego a analizar “todas as vías legais para impedir a segregación e para pór en marcha medidas efectivas”, de maneira que se “salde a débeda” coa comarca. “Do contrario, sería o Goberno o único responsábel da fin dun século de actividade industrial, do feche dos negocios e da ruína na bisbarra”, expresou o actor. “Non queremos xogar á ruleta rusa cos nosos postos de traballo e co futuro dos nosos fillos”, engadiu.

A empresa aceptou a titularidade das concesións hidráulicas a condición de que “non se poderán segregar de Ferroatlántica as actividades de ferroaliaxes e de produción eléctrica polas centrais”

A “pasividade” da Xunta foi fortemente criticada polos traballadores, que consideran que o Goberno galego é quen ten a responsabilidade de “parar esta venda especulativa por parte dunha empresa que reuniu moitas axudas públicas que a fixeron viábel”. Unha empresa, apuntaron, que “aceptou a titularidade das concesións hidráulicas a condición de que “non se poderán segregar de Ferroatlántica as actividades de ferroaliaxes e de produción eléctrica polas centrais”.

Neste sentido, o Comité de Empresa urxe a Xunta a “salvagardar o interese comarcal, se for necesario, recuperando o control público das concesións”.

De Ferroatlántica dependen 400 postos de traballo directo e as centrais representan un dos motores de creación de emprego na bisbarra. De feito, segundo os dados do Comité de Empresa, supoñen entre un 15 e un 25% do PIB en Cee, Dumbría, Fisterra, Muxía e Corcubión.

[Esta noticia foi editada arredor das 22h após ter coñecemento, a través da organización, do número aproximado de persoas participantes]

Comentarios