Nove de cada dez contratos asinados en outubro son temporais

Traballador industria

O Ministerio de Traballo español fixo públicos os dados do paro rexistrado relativos ao mes de outubro. Na Galiza a cifra de persoas demandantes de emprego aumentou en 6.355 o que supón un incremento do 2,95% en relación a setembro e o 9% menos (21.952) que no mesmo período do ano anterior. 

Por provincias, Pontevedra e A Coruña lideran a cifra de desempregad@s con 89.737 e 86.515 persoas respectivamente. Pola súa banda, Ourense e Lugo rexistran 24.233 e 21.607. 

En dados acumulados o desemprego atinxe 222.092 persoas --121.277 mulleres e 100.815 homes-- unha cifra inferior á da Enquisa de Poboación Activa relativa ao segundo trimestre de 2015 que situaba o paro no noso país en 252.500 persoas. 

Por sectores a Servizos (142.609) e Industria (27.283) son os de maior paro rexistrado. Porén, a Agricultura sufriu unha das maiores variacións no último mes aumentando en 1.165 persoas mentres que a Construción ou as persoas sen emprego anterior diminúen en 97 e 324 persoas, respectivamente. 

Temporalidade

Máis da metade de persoas desempregadas non percibe prestación

Na Galiza as contratacións tamén baixaron quer na comparativa mensal quer na interanual sendo que o número de contratos asinados en outubro son 9.562 menos que en setembro (-10,92%) e -0,23% a respeito de outubro do 2014. 

En total a cifra de contratos acumulados na Galiza son 741.118, o 92,56% de carácter temporal fronte apenas 7,44% indefinidos. 

En relación coas prestacións e subsidios por desemprego a cifra de persoas beneficiarias non chega á metade das desempregadas. Neste senso, son beneficiarias 103.448 o que supón o 46,57% do total. Principalmente perciben subsidios (49.150) e prestacións contributivas (41.169). 

Comentarios