Brigadistas denuncian xornadas de máis de 12 horas diarias

A CIG rexistrou un escrito diante da Consellaría de Medio Rural debido ás denuncias de “incumprimento” das condicións de traballo de brigadistas. Así, o sindicato reclama o cumprimento do convenio e que se garanta que equipos de traballo e protección individual estean completos.

Unha brigada de loita contra o lume en Baleira, nos Ancares, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Unha brigada de loita contra o lume en Baleira, nos Ancares, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Durante os últimos días, a CIG recibiu queixas “desde varios puntos do país” por parte dos traballadores do servizo de prevención de incendios forestais, informando de que lles “suxeriran” realizar xornadas laborais “máis alá das 12 horas tope que recolle o convenio”.

“Non podemos permitir facer xornadas maratonianas que supoñen unha mingua da seguridade. Esta parece ser unha carreira de fondo, e se o persoal se somete a unha sobrecarga increméntase o risco de sinistralidade”, advirte a CIG nun comunicado enviado aos medios.

O sindicato asegura que son “innumerábeis” as queixas por “avituallamentos inexistentes ou precarios nestas xornadas prolongadas e baixo as condicións extremas que se dan nos lumes durante a vaga de calor”.

Neste contexto, o sindicato anuncia que denunciará perante a autoridade laboral “todos aqueles casos que se poidan constatar”, pois “non é responsabilidade das persoas traballadoras que a Consellaría do Medio Rural faga unha nefasta política de persoal e da cobertura das prazas”.

Así, lembra que a Xunta debe “cubrir as vacacións, permisos e baixas de todo o persoal desde o primeiro día”. “As brigadas non poden ser sos ou dúos por non cubrir as prazas baleiras.

Ademais, advirte de que “non se pode disfrazar de excepcionalidade os lumes cronificados deste país para tentar forzar a traballar máis do que a súa seguridade permite” e exixe “previsión” para a realidade “da nova tipoloxía de incendios cada vez máis virulentos e que vimos anunciando na última década”.

Comentarios