Bombeiros forestais critican a falta de medios: "A xente ten que saber quen é responsábel de que arda sen control medio país"

Persoal das brigadas forestais denuncia xornadas "de até doce horas" en incendios aos que en ocasións "só se envían catro persoas contra centos de hectáreas".
Un brigadista camiña diante dunha vivenda calcinada en Folgoso do Courel. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Un brigadista camiña diante dunha vivenda calcinada en Folgoso do Courel. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Persoal das brigadas forestais segue a denunciar a falta de medios, técnicos e humanos, para afrontar os múltiples incendios que desde a pasada quinta feira están a asolar o país.

Así, varios bombeiros fixeron saber a Nós Diario "cal é a realidade" do que está a acontecer nestes momentos sobre o terreo: "A Xunta non ten medios porque aínda non teñen contrato os brigadistas de pé a estas alturas do verán, e a metade das brigadas helitransportadas aínda están a facer o curso de preparación".

"A metade das brigadas aínda non traballamos até finais de xullo e principios de agosto. Agora estamos cos mesmos servizos que no mes de maio", lamentan. De feito, segundo o último balance publicado pola Consellaría do Medio Rural, esta cuarta feira hai uns 600 efectivos combatendo o lume dos 7.000 que, segundo apuntaba o pasado 14 de xullo o presidente galego, Alfonso Rueda, dispón a Xunta.

Nesta liña, o persoal que denuncia esta situación sinala que a cidadanía galega "ten que se dar conta de quen ten a responsabilidade total e absoluta de que estea a arder medio país sen control".

No que atinxe ás súas condicións laborais, alertan de que están a facer "xornadas de doce horas". "Só nos dan un bocadillo e déixannos a catro persoas para enfrontarnos a centos e centos de hectáreas", precisan.

"Onte [pola terza feira] os veciños do Courel e do Barco foron abandonados e no [parque natural do] Invernadoiro xa se queimou 50% da superficie, e queren deixalo para mandarnos a outro lume", cuestionan as mesmas fontes.

Tamén veciñanza de Feces de Cima, a aldea verinesa que esta terza feira foi cercada polas chamas, lamentaba a falta de medios de extinción no lugar: "Se tivese chegado un helicóptero ao principio remataba con todo o lume".

Comentarios