Bombeiros comarcais solicitan á Xunta e ás Deputacións outra reunión para desbloquear o conflito

Os sindicatos remitiron xa as súas suxerencias e pretensións á Vicepresidencia Primeira da Xunta e ás catro Deputacións.
Protesta dos bombeiros en Lugo o pasado 23 de maio. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Protesta dos bombeiros en Lugo o pasado 23 de maio. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Os sindicatos dos bombeiros comarcais da Galiza solicitaron formalmente unha nova reunión á Xunta e ás Deputacións para o próximo 5 de setembro no Consello Galego de Relacións Laborais, en Santiago de Compostela, co obxectivo de pór fin á folga iniciada o 15 de xuño.

A través dun comunicado, as organizacións CIG, UXT, CCOO, Sibgal, CSIF e USO lamentan que levan "desde o 2 de agosto" buscando "sen éxito" unha reunión coas administracións que aínda non se produciu.

O motivo do conflito é conseguir un convenio colectivo único para A Coruña, Ourense, Pontevedra e Lugo.

Os sindicatos remitiron xa as súas suxerencias e pretensións á Vicepresidencia Primeira da Xunta e ás Deputacións, e aféalles que marchasen "de vacacións sen solucionar nada", pero "cunha escusa ante a poboación por se ocorría algo agora que o servizo non se está prestando con normalidade" debido á folga.

“Ineptitude”

Neste contexto, os sindicatos atribúen ás administracións e á súa "ineptitude" a responsabilidade da inoperatividade dos parques comarcais, porque aínda que os traballadores están en folga desde o 15 de xuño, até o de agora non a secundou ningún traballador e "a única medida" adoptada pola parte social é "a de cumprir co horario e as quendas estabelecidas por cuadrante, que son as máximas estabelecidas por lei, e non facer horas extra voluntarias".

Comentarios