Fechados diferentes parques comarcais de bombeiros por falta de persoal a dous días da folga

Esta quinta feira, día 15, comezará por todo o país un paro con carácter indefinido.
Protesta dos bombeiros en Lugo o pasado 23 de maio. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Protesta dos bombeiros en Lugo o pasado 23 de maio. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Diferentes parques comarcais de bombeiros do país permaneceron fechados esta terza feira por falta de persoal ante a negativa dos profesionais a realizar horas extra, a fin de deixar en evidencia a escaseza de traballadores suficientes, a dous días de que comece a folga indefinida na Galiza, convocada a partir desta quinta feira, día 15.

Fecharon dous dos catro parques da provincia de Pontevedra do Consorcio; máis concretamente, os de Vilagarcía e O Morrazo —si están operativos os de Ribadumia e O Porriño—. Igualmente, o parque de Xinzo (A Limia), que dá cobertura a 13 municipios, quedou por baixo do mínimo legal de tres membros, con só dous.

En declaracións á axencia Europa Press, o presidente do comité de empresa da Coruña, Javier Fontenla, explica que están a negociar os servizos mínimos para a provincia, malia que se prevé que sexan os habituais de tres efectivos, tal e como ocorre nos parques que xa están en folga en Pontevedra e Lugo.

Denuncia que "non se cobren mínimos" de persoal, sen investimento nos parques comarcais do Consorcio —dependen a 50% de Xunta e deputacións—. Na provincia da Coruña son 10 parques cuns 180 traballadores, aos que se suman entre 20 e 30 interinos.

Entre as mobilizacións destes traballadores, nas últimas horas apareceu un traxe de bombeiro pendurado na porta da Deputación de Ourense para reclamar condicións "dignas".

Perto de 500 bombeiros comarcais de arredor de 25 parques están chamados a secundar unha folga indefinida autonómica desde este 15 de xuño. Reclaman que se cumpra unha sentenza do Tribunal Supremo do ano pasado para a conversión a persoal laboral fixo dos efectivos, así como un convenio galego coas mesmas condicións para os traballadores, unido a mellora de medios e aumento de persoal.

Comentarios