Os bombeiros comarcais maniféstanse en Compostela en defensa dun "convenio digno"

A protesta comezou ás 11 horas desde o Parlamento da Galiza até a Dirección Xeral de Emerxencias, no barrio de Fontiñas, onde terminará a mobilización.
Os bombeiros comarcais desprázanse até o Parlamento para o inicio da manifestación (Foto: Nós Diario).
photo_camera Os bombeiros comarcais desprázanse até o Parlamento para o inicio da manifestación (Foto: Nós Diario).

Os bombeiros comarcais en folga indefinida iniciaron unha manifestación polas rúas de Santiago de Compostela esta quinta feira, 13 de xullo, para reclamar unhas condicións laborais e un convenio "dignos".

A protesta comezou ás 11 horas desde o Parlamento da Galiza até a Dirección Xeral de Emerxencias, no barrio de Fontiñas, onde terminará a mobilización.

Os bombeiros comarcais comezaron o pasado 15 de xuño unha folga indefinida para reclamar que se cumpra unha sentenza do Tribunal Supremo do ano pasado para a conversión a persoal laboral fixo dos efectivos, á vez que demandan un convenio galego coas mesmas condicións para os traballadores, unido á mellora de medios e aumento de persoal.

500 bombeiros

Perto de 500 bombeiros comarcais de ao redor de 25 parques -con consorcios ao 50% de Xunta e deputacións- están chamados a secundar desde hai un mes esta folga indefinida autonómica.

O comité de folga dos bombeiros comarcais denuncia "menosprezo" por parte das Administracións tras un mes de protesta, na cal se fecharon unha decena de parques ao non dispor de efectivos voluntarios para facer horas extra co fin de visibilizar o persoal insuficiente.

Comentarios