Os bombeiros comarcais rexeitan en asemblea a última proposta das Administracións

Haberá nova negociación a vindeira quinta feira, 1 de febreiro.

Mobilización de bombeiros dos parques comarcais galegos nunha protesta en Lugo, o 31 de outubro. (Foto: Carlos Castro /  Europa Press)
photo_camera Mobilización de bombeiros dos parques comarcais galegos nunha protesta en Lugo, o 31 de outubro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Os bombeiros comarcais, reunidos en asemblea esta segunda feira, rexeitaron a última proposta das Administracións para desbloquear o conflito e desconvocar a folga indefinida. Disto informa o comité de folga nun comunicado. Agora, os representantes dos bombeiros están convocados a unha nova xuntanza con integrantes da Xunta da Galiza e das Deputacións esta quinta feira, 1 de febreiro, "para ver a posibilidade de asinar un acordo que satisfaga ás partes".

Con todo, o comité de folga valora que a parte social apoia o seu traballo e encomenda a este órgano a resolución da problemática na que se atopan estes profesionais.

228 días de folga

Os bombeiros comarcais levan en folga indefinida desde o 15 de xuño de 2023, unha protesta que incluíu unha acampada na praza do Obradoiro de Compostela durante perto dun mes.

Reclaman un convenio colectivo a nivel galego, maior dotación de medios técnicos e de recursos humanos, así como emprego fixo de acordo coa doutrina do Tribunal Supremo de xaneiro de 2022. Aumento salarial, melloras laborais e incremento de efectivos son algunhas das demandas que reclaman estes profesionais.

Ademais, a súa negativa a facer horas extras para evidenciar a falta de persoal provocou nos últimos meses multitude de fechamentos de parques por todo o país varios días.

Comentarios