Até 22,3% das persoas que traballan ou buscan emprego teñen máis de 55 anos

A poboación activa menor de 25 anos descendeu 17% na última década
Operarios traballando na reparación dunha rúa de Ourense (Concello de Ourense).
photo_camera Operarios traballando na reparación dunha rúa de Ourense (Concello de Ourense).

A poboación activa maior de 55 anos creceu 42% na última década na Galiza e roza as 300.000 persoas, segundo un estudo da Fundación Adecco difundido onte e baseado nos datos da última Enquisa de Poboación Activa (EPA), a correspondente ao segundo trimestre de 2023.

Máis en concreto, un total de 278.900 persoas activas maiores de 55 anos teñen traballo ou buscan emprego activamente na Galiza. Estas supoñen 22,3% do total de profesionais en idade de traballar no mercado laboral galego, mentres que hai 10 anos as persoas activas neste chanzo de idade representaban 13%.

Desta forma, o número de persoas activas maiores de 55 anos experimentou un crecemento de 42% na última década (en 2013 contabilizábanse 195.600) e de 81% nos últimos vinte anos (en 2003 había 153.300 persoas maiores de 55 anos en activo).

A pesar de que o aumento do número total de persoas activas de máis de 55 anos experimentou un ritmo de crecemento máis grande no conxunto do Estado español durante a última década (62%) e durante os últimos 20 anos (147%), entre autonomías e en termos relativos, a Galiza (22,3%) atópase entre as que maior porcentaxe profesionais en activo maiores de 55 anos ten, achegándose ás que maior proporción de persoas activas neste chanzo de idade rexistran, como son Castela e León (24,9%), Asturias (23,7%) e Euskal Herria (23,1%). 

A porcentaxe de persoas activas maiores de 55 anos no mercado laboral galego (22,3%) tamén se atopa por riba da media estatal (20%). Pola contra, o país atópase lonxe das autonomías con menores porcentaxes nesta clasificación, que son Illes Balears (18,8%), a Rexión de Murcia (18,9%) e Andalucía (19,1%). 

Segundo a Fundación Adecco, os chamados baby-boomers, a xeración máis numerosa da historia, xa supera a franxa dos 55 anos e engrosa a proporción de persoas activas no mercado laboral galego. "Vivimos nun inverno demográfico, o que significa que o número de nacementos é insuficiente para substituír ás persoas que falecen. Esto conduce a unha diminución da poboación e, por tanto, a unha menor forza laboral dispoñíbel", advirte o informe da fundación.

O avellentamento tamén é un proceso especialmente acusado na Galiza. De acordo co citado estudo, no país contabilízanse 213 persoas maiores de 64 anos por cada 100 menores de 16,  mentres que no Estado esta relación é de 133 persoas maiores de 64 por cada 100 menores de 16. "Unha proporción que crece a un ritmo desbocado, froito dunha esperanza de vida en máximos históricos e da caída da natalidade", sinala o documento da Fundación Adecco.

Menores de 25 anos

Durante a última década, entre o segundo trimestre de 2013 e o mesmo período deste ano, segundo os datos da EPA, o número de persoas activas no mercado laboral galego menores de 25 anos descendeu en 12.400, unha baixada que alcanza até 17%. 

Neste sentido, a porcentaxe de persoas activas menores de 25 anos entre o total das persoas nesta situación na Galiza de todas as idades pasou de ser de 5,66% no segundo trimestre de 2013 a ser de 4,88% no mesmo período da presente anualidade. 

A poboación activa en idade intermedia redúcese en 11,36% 

A poboación activa en idade intermedia, entre 25 e 55 anos, reduciuse na Galiza en 116.600 persoas na última década (entre o segundo trimestre do ano 2013 e o mesmo período deste ano), pasando de 1.026.700 a 910.100, o que supón un descenso de até 11,36%, segundo os datos da EPA. As persoas activas neste chanzo de idade pasaron de supor 79,24% da forza laboral galega no segundo trimestre de 2013 a representar 72,81% no mesmo período de 2023.

Comentarios